Gain recibe o Premio Nacional á mellor iniciativa de compra pública innovadora polo proxecto de avións non tripulados de Rozas
A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de gañar o Premio Nacional de Innovación 2016 á mellor iniciativa de Compra Pública Innovadora, un eido no que Galicia é xa un referente tanto a nivel estatal como europeo. O galardón recoñece en concreto o carácter pioneiro do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados para uso civil de Rozas, onde o Goberno galego está a estimular o tecido produtivo mediante esta ferramenta de contratación ao tempo que impulsa o desenvolvemento deste sector que está chamado a ser estratéxico nas próximas décadas.
O galardón concedido pola Secretaría de Estado de I+D+i do Ministerio de Economía y Competitividad resalta que a aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Gain contén un alto contido pedagóxico para o resto de administracións públicas no impulso da utilización dun procedemento xurídico creativo que permite estimular proxectos innovadores que melloran a calidade de vida das persoas e que, ademais, incrementan a competitividade das empresas galegas.
De feito, o Consello da Xunta de onte avaliou o convenio asinado co Ministerio de Economía y Competitividad para a posta en marcha dun programa de Compra Pública Innovadora (CPI) de tecnoloxía do eido dos vehículos non tripulados, que sumará un investimento de 24 millóns de euros, dos que 19,2 millóns serán fondos europeos canalizados polo Ministerio, mentres que a aportación da Xunta será de 4,8 millóns. Esta iniciativa completa un investimento asociado en Rozas de 150 millóns de euros, pois este novo investimento súmase aos preto de 10 millóns de euros aportados entre Ministerio, o INTA e a Xunta para o Centro de Investigación Aerotransportada, e aos 115 millóns de investimento conxunto entre Xunta, Indra e Inaer para a posta en funcionamento do polo de avións non tripulados para uso civil.
Este programa busca acadar solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas en vehículos non tripulados, que dean resposta ás necesidades identificadas por distintos departamentos do Goberno galego. Así, o obxectivo é lograr mellores prestacións nos servizos públicos, en eidos como a prevención e control de incendios, o control do medio mariño, o servizo de gardacostas, a xestión de emerxencias, a xestión do territorio, a xestión de fluxos turísticos ou a xestión do patrimonio cultural. Entre as actuacións xa previstas destaca unha que contará co liderado da Amtega para desenvolver unha plataforma (hardware e software) para que os controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común se poidan realizar de forma automatizada mediante medios aéreos non tripulados e outros sistemas tecnolóxicos.
O proxecto de Rozas xa recibiu o pasado mes de marzo o premio estatal á mellor iniciativa pública innovadora, un galardón que a Consellería de Economía, Emprego e Industria recolleu no marco do VI Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos, no que se recoñeceron os proxectos que mellor contribúen á transformación tecnolóxica das administracións públicas.
O labor da Xunta no eido da Compra Pública Innovadora recibe así un novo espaldarazo que consolida o recoñecemento obtido nos últimos anos como referente a nivel europeo. Así, durante o período de programación 2007-2013, a Axencia Galega de Innovación actuou de elemento catalizador para cofinanciar con fondos FEDER xestionados polo Ministerio de Economía y Competitividad varias propostas que incorporaban a innovación nos seus pregos de contratación, como os programas Hospital 2050 e InnovaSaúde (liderados polo SERGAS), LáserPET (levado a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela), A-Tempo (liderado pola Universidade da Coruña) ou SmartCity (xestionado polo Concello coruñés). Para o período 2014-2020, a colaboración co Ministerio para impulsar a Compra Pública Innovadora xa se formalizou non só no eido dos avións non tripulados, senón tamén para o programa sanitario Código 100. En total, todas estas iniciativas suman un investimento conxunto de ao redor de 150 millóns de euros.