Localizan a unha muller falecida na súa casa na Rúa
Efectivos de emerxencias localizaron na mañá deste luns o cadáver dunha muller de 66 anos no seu domicilio da Rúa (Ourense), despois de que unha veciña alertase á Policía indicando que facía dous días que non vía á falecida.
Os primeiros en chegar ao lugar foron os efectivos da Policía Local que, tras chamar ao timbre e non obter resposta, entraron na casa e localizaron á muller caída no chan e falecida. Até a zona desprazouse tamén o xuíz para ordenar o levantamento do cadáver e efectivos da Garda Civil, que iniciaron unha investigación.
Aínda que será a autopsia a que determine a causa da morte, fontes do operativo confirmaron que a principal hipótese que se baralla é unha caída accidental, dado que non se atoparon signos de violencia no domicilio. A muller, que vivía soa, padecía varios problemas de saúde.