publicidade hoxe

O TS reduce a pena do rexedor de Monterroso polo caso das multas pero mantén a condena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterrosoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

A Sala II do Tribunal Supremo reduciu a condena que a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo impuxo ao alcalde de Monterroso e exsubdelegado do Goberno, Jesús Otero, como autor dun delito continuado de tráfico de influencias, e ao que fose xefe provincial de Tráfico en Lugo, Julio González, por prevaricación e falsidade documental, no caso da trama de retirada de multas na provincia.

En concreto, a sentenza, feita pública este mércores, estima parcialmente os recursos presentados polos condenados e anula a sentenza da Audiencia Provincial para ditar outra na que ten en conta a “atenuante moi cualificada de dilacións indebidas” e reduce as penas respecto das impostas o 30 de xuño de 2015. No entanto, mantén como probados os delitos.

En concreto, o Supremo condena ao político de Independentes Terra do Asma, antes militante do PSOE, a unha pena de tres meses de prisión e a unha “inhabilitación para todo cargo público electivo ou designación en calquera Administración pública” por un período dun ano e un mes. Con anterioridade, Jesús Otero fora condenado a sete meses e 15 días de prisión e a dous anos e tres meses de inhabilitación.

Ao funcionario de tráfico, en lugar de inhabilitación por catro anos e prisión de dous anos e tres meses, o Supremo imponlle unha pena de cárcere de dous anos por falsidade en documento público e a tres anos de inhabilitación especial como funcionario da DXT por prevaricación.

DILACIÓNS INDEBIDAS

O Alto Tribunal reduce no seu auto as penas de ambos os implicados alegando que a condena “non se axustou ao solicitado pola Fiscalía” de rebaixar “en dous graos” a pena, tendo en conta as dilacións indebidas.

Segundo os feitos probados na sentenza, os dous acusados, no exercicio das súas funcións, “sen fundamento algún, caprichosa e inxustificadamente”, convenieron “a práctica de decidir arquivar determinados expedientes por sancións de tráfico” entre os anos 2006 e 2009.

O Supremo considera que o entón subdelegado do Goberno, desde “a súa posición de superioridade”, influía e presionaba ao xefe de tráfico, “facendo anotacións nos boletíns ou noutras resolucións con nomes de persoas, xeralmente do seu mesmo partido político”, indicándolle “o interese que tiña en que se sobresera o correspondente boletín”.

A anulación á que fai referencia esta sentenza do Supremo correspóndese co segundo fallo da Audiencia Provincial relacionado coa trama de retirada de multas de tráfico en Lugo, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigase a este órgano a emitir unha nova sentenza -ditada en xuño de 2015- tras absolver a todos os implicados o ano anterior por un defecto de forma.

25 de maio de 2016 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.