publicidade hoxe

A valedora dá 15 días a Darío Campos tras presentar unha queixa o alcalde díscolo do PSdeG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáGaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

A valedora do Pobo, Milagros Otero, deu 15 días ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, para que envíe a información correspondente á queixa presentada polo alcalde de Becerreá e contra o que o PSOE ten un expediente interno aberto, Manuel Martínez.

A institución comisionada do Parlamento de Galicia iniciou con data do 23 de maio as actuacións oportunas ante o presidente da institución provincial, unha vez estudada” a queixa presentada polo rexedor de Becerreá, a cal deu por “admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos” na lei do Valedor do Pobo.

“Tan pronto como recibamos o preceptivo informe que este organismo (Deputación de Lugo) ten que remitirnos, porémonos de novo en contacto con vostede, tanto na vía administrativa coma na xudicial”, explica a valedora na carta remitida a Manuel Martínez, na que o informa do procedemento aberto.

Na queixa presentada por Manuel Martínez, que ten aberto un expediente e que agora forma parte dos deputados non adscritos na Deputación de Lugo, denuncia que o presidente da Deputación “non cumpre coa obriga que lle impón o ordenamento xurídico de executar os acordos” do ente provincial. Martínez votou en diferentes ocasións o mesmo que o PP, facendo perder as votacións ao executivo da Deputación lucense.

Concretamente, Martínez pide que se “restablezan no pleno todas as súas competencias” que no seu día foron delegas á xunta de goberno, tanto as que fan referencia ao regulamento, como ás que se poidan derivar doutros acordos plenarios.

Así mesmo, pide que se regule o uso de todos os locais da reunión da corporación provincial, e que haxa dereito á información por parte dos deputados provinciais.

O alcalde de Becerreá denunciou que, mediante un decreto, se lle denegou despacho ou local para el e tamén se resolveu rexeitar a solicitude formulada por el cando se presentou unha reclamación para ser nomeado membro da xunta de voceiros.

Outra das actuacións que denunciou ante a valedora refírese á resolución pola que se recoñece o dereito do deputado non adscrito a participar nas comisións informativas constituídas, “salvo a comisión especial de contas”. Tamén se queixa de que o “presidente da Deputación non admite o debate e votación de emendas presentadas” por Martínez aos presupostos.

Ademais, o deputado díscolo denunciou que o presidente da Deputación “non cumpre a obriga que lle impón o ordenamento xurídico de executar os acordos” e, en concreto, ser refire ao proxecto da residencia de maiores para o seu concello, que contou con 13 votos a favor e 12 en contra (os de PSdeG e BNG).

SITUACIÓN DE MANUEL MARTÍNEZ

Manuel Martínez entregou á popular Elena Candia as rendas da Deputación na investidura, despois de que o PSdeG aceptase a condición do BNG de non aceptar o rexedor de Becerreá como candidato á Presidencia por estar nese momento imputado (agora figura do investigado).

Posteriormente, os socialistas reconduciron a situación e co apoio de Martínez, e os votos do BNG (co que forman actualmente o bipartito provincial), promoveron unha moción de censura que levou a Darío Campos á fronte da institución. Non obstante, Martínez denunciou que non se cumpriron os acordos que a propia Piar Cancela, entón como secretaria de Organización, adquiriu con el, e en varias votacións incumpriu a disciplina de voto do PSOE, o que o levou ao grupo de non adscritos.

26 de maio de 2016 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.