publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os médicos de Povisa reimplantan con éxito o brazo a un xoven tras un accidente laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLazaLocal PortadaPortada dereitaSucesosVigo
A-
A+
Europa Press

Un equipo multidisciplinar de médicos do hospital vigués Povisa logrou reimplantar con éxito o brazo a un mozo de 32 anos, Óscar González, que se seccionara este membro superior coas pas dunha amasadora de formigón, cando estaba a traballar nas obras do AVE no lugar de Cerdedelo, no municipio ourensano de Laza.

O accidente laboral tivo lugar pouco antes das 14.00 horas do día 23 de marzo e a rapidez coa que actuou o propio Óscar, así como os sanitarios que o atenderon en Laza, contribuíu a que, solo dúas horas máis tarde, o rapaz estivese no quirófano do hospital vigués.

Os médicos que o atenderon relataron este mércores en rolda de prensa como foi o proceso de reimplante, realizado neste centro que é un dos hospitais de referencia en Galicia para cirurxía complexa de man e brazo.

Cando Óscar sufriu o accidente, o seu brazo quedou moi danado, posto que rompeu os dous ósos do antebrazo e se esgazou os tecidos. Nese momento, fíxose un torniquete con chaleco de obra e foi trasladado a Laza, onde os médicos lle inmobilizaron o brazo cunha férula, cortaron a hemorraxia e vendáronllo (as partes estaban unidas solo por un tendón e un nervio).

Dende alí, foi trasladado por un helicóptero do 061 a Vigo para ser intervido en Povisa. En primeiro lugar, o equipo de traumatoloxía liderado por Rafael Otero sintetizou e consolidou a fractura, para que os cirurxiáns plásticos e de reconstrución, Enrique Moledo e Beatriz Postigo puidesen unir vasos sanguíneos, nervios, tendóns e músculos, nunha operación que se prolongou durante máis de seis horas.

“NON CONTABA CON ELA”

O paciente tamén explicou aos medios a súa experiencia e agradeceu ao equipo médico o seu labor posto que, como sinalou, ao ver o aspecto do seu brazo dereito tras o accidente, creu que perdera a man para sempre. “Non contaba con ela, e cando espertei despois da operación e a vi…”, rememorou.

Óscar González subliñou que “todo aconteceu moi rápido, coma se fose un sono”, pero precisou que si recorda falar co doutor Moledo antes da intervención. “Díxenlle: feixe o que poidas”, relatou.

A este veciño de Allariz quédalle agora por diante unha longa recuperación, segundo confirmou o equipo médico. Tras superar as primeiras dúas semanas e reducir significativamente o risco inicial de infección, Óscar irá recuperando paulatinamente a sensibilidade na man, e deberá someterse a outras pequenas cirurxías, así como a un longo período de rehabilitación para recuperar a mobilidade.

FACTORES FAVORABLES

A complexidade da sección do brazo e a “sucidade” da ferida foron contrarrestadas por varios factores que favoreceron unha rápida intervención para salvar a man de Óscar González. Segundo explicou Enrique Moledo, grande parte do éxito da reimplantación debeuse á boa actuación dos sanitarios que atenderon ao traballador en Laza, e sobre todo, á rapidez con que chegou a Povisa.

Este cirurxián explicou que o persoal de ambulancias dispón de información para saber como se deben trasladar os órganos amputados, e recordou que nunca deben poñerse en contacto directo con xeo, senón envolvidos previamente nunha bolsa ou en gasas estériles.

Segundo apuntou, se se cumpren esas indicacións sobre a conservación dos membros e se actúa con rapidez (ata un máximo de 6 ou 8 horas para seccións por enriba da boneca), hai un 80 por cento de éxito no reimplante dos brazos.

6 de abril de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.