O Xulgado ordena a repetición da proba de caligrafía ao alcalde de Boborás investigado por falsidade
O Xulgado que investiga ao alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, por un suposto delito de falsificación documental, tráfico de influencias e delito contra a ordenación do territorio, en relación á legalización dunha vivenda da súa propiedade, ordenou repetir a proba de caligrafía.
A citación recollida na provinicia do xuíz é para o próximo luns, día 4 de abril ás 10,00 horas. Tamén está chamado, en calidade de testemuña, o asesor xurídico, para as 10,30 horas.
A petición faise despois de que o solicitase a Garda Civil pedise “novas mostras” ao Xulgado para poder facer a comparación. Concretamente, o Instituto Armado pediu cinco folios de sinaturas e que os textos se escriban da mesma forma que os orixinais, para poder comparalos.
Na súa declaración en calidade de imputado (agora investigado) en maio do pasado ano nos xulgados de Carballiño, Cipriano Caamaño atribuíu a suposta falsidade en documento público denunciada a “un erro” do técnico municipal de urbanismo que escribiu unha certificación a catastro sobre unha vivenda nun terreo seu.
O rexedor xa declarara tamén o 4 de marzo do pasado ano no Carballiño como imputado por desobediencia noutra causa urbanística relacionada coa localidade de Pazos de Arenteiro.
En canto ao caso da suposta falsidade en documento público, a fiscala de Urbanismo recolle, no escrito de acusación pública, que o alcalde “emitiu e asinou” en marzo de 2010 un certificado en que “fai constar” que unha vivenda situada nun terreo seu e da súa esposa “está rematada dende 1999″. A actuación do alcalde foi “a sabendas de que faltaba á verdade”, segundo a acusación pública.
“A SABIENDAS” PARA “LEGALIZAR”
A fiscal considera que o fixo co “ánimo de alterar a realidade xurídica e permitir a inclusión do terreo” no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Boborás, dentro do núcleo tradicional da Almuzara, e “para permitir a legalización desa construción”.
“Para iso presentou ao catastro, por vía electrónica, unha declaración para dar de alta a construción urbana de dúas plantas e 110 metros cadrados, no terreo, e achegou a certificación na que se indica como data de construción o ano 1999 a sabendas de que a devandita construción foi posterior ao ano 2007″, segundo a querela pública.
Non obstante, o rexedor de Boborás afirmou que non hai ningunha falsidade, polo que ten “a conciencia tranquila”. Ademais, atribuíu o cambio de data “a un erro” que non é coa súa letra e entende “que será subsandable, porque evidentemente é un erro”.
A casa do rexedor, segundo explicou el mesmo, estaba feita a finais de 2008 e seguiu a obra en 2009, “como saben moitos veciños que pasaron alí o fin de ano.