O sospeitoso do crime de Becerreá confesou ao tenente de alcalde que matara á súa muller
O home de 29 anos que supostamente matou este xoves á súa parella en Becerreá (Lugo) confesou os feitos ao tenente de alcalde deste municipio, Claudio Vázquez, a quen se entregou xunto a un amigo de ambos e díxolle que “acababa de matar á súa muller”.
O propio Claudio Vázquez explicou que foi a recoller ao detido no seu coche tras supostamente cometer o crime e que o atopou “moi nervioso”. “Dixo que xa non aguantaba máis a situación, tiñan problemas”, dixo.
O tenente de alcalde confirmou que a parella levaba “uns días” sen convivir e que ela estaba residendo “en Lugo”. “Onte acordaran xuntarse na casa para falar”, detallou Vázquez, momento no que se produciu supostamente o crime.
O político lucense lembrou que sobre as 18.15 horas deste xoves atopábase nun bar “cuns amigos” cando o presunto asasino chamou a un deles, de nome Luís, e díxolle que acababa de matar á súa muller”.
“Balbuceaba e non paraba de dicir ‘mateina’. Estabamos dentro do bar, Luís díxome que saíse con el e pasoume ao teléfono. Falei con el, tratando de serenarlo, e díxome que estaba no monte e que non se entregaba”, lembrou o tenente de alcalde.
Tras colgar bruscamente o teléfono, Claudio Vázquez e o seu amigo desprazáronse até o cuartel da Garda Civil de Becerreá, momento no que recibiron unha nova chamada do agora detido dicíndolles que se entregaba” a condición de que fosen a eles”.
Claudio Vázquez saíu a buscalo xunto ao seu amigo en común no seu coche. “Trouxémolo até aquí e fíxose cargo a Garda Civil”, apuntou. O detido é “compañeiro de caza” dos dous homes.
CONSTERNACIÓN
O tenente de alcalde de Becerreá asegurou que a “consternación” no municipio é “total” e condenou un acto que cualificou como unha “animalada”.
Dos dous fillos da muller, dixo, supón que se fará cargo “a avoa materna”, que reside no concello veciño de Pedrafita e que describiu como “unha boa persoa”.
O autor permanece custodiado na Comandancia da Garda Civil de Lugo, á espera de pasar a disposición xudicial no xulgado de Becerreá. Nestas dependencias xa prestaron declaración, en calidade de testemuñas, os dous fillos da muller, así como a nai do presunto asasino, que, do mesmo xeito que os menores, presenciou o suceso.