Puentes y Calzadas asina un contrato por máis de 200 millóns para construír un hospital en Ecuador
O grupo galego Puentes y Calzadas asinou un contrato por 204,78 millóns de euros para a construción dun hospital en Ecuador para o Instituto Ecuatoriano da Seguridade Social (IEES). Trátase da obra máis grande que asinou a compañía e será realizada en colaboración coa empresa chinesa Sinohydro, segundo informou a empresa de Sigüeiro (A Coruña).
Ademais da construción do complexo hospitalario, o contrato inclúe a subministración e o mantemento preventivo dos equipos médicos durante cinco anos.
En concreto, o hospital construído será o dos Ceibos, en Guayaquil (Ecuador). O complexo contará con 633 camas e 25 quirófanos e a súa superficie alcanzará os 76.000 metros cadrados. O seu promotor, o IEES, é o xestor da sanidade pública do país.
Actualmente, o grupo Puentes y Calzadas e Sinohydro atópanse nun proceso de negociación que, segundo a compañía, podería dar como resultado a presentación dunha oferta para outro hospital en Ecuador, así como colaboracións en Bolivia ou outros Estados.