O xeo, a neve e a sarabia dificultan a circulación
As primeiras nevadas do ano e o xeo están a causar ao longo deste martes problemas de circulación en estradas do catro provincias galegas. Segundo informaron desde a Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, problemas nas vías dos concellos lucenses da Fonsagrada, Baleira e Becerreá, Vimianzo (A Coruña) e Bande (Ourense) sumáronse aos rexistrados á primeira hora na Cañiza (Pontevedra) e A Laracha (A Coruña), onde o xeo e a neve causaron algún accidente.
Así, ás 11,30 horas un condutor resultou ferido tras saírse da vía no cruzamento de Baíñas, en Vimianzo (A Coruña), por mor das placas de xeo que cubrían a calzada.
Varios condutores quedaron parados en diferentes puntos da rede viaria lucense pola acumulación de neve ou a presenza de xeo, como no Alto de Acevo, na Fonsagrada; o Alto da Vacariza, en Baleira; ou o Lugar de Fontarón, En Becerreá. Nestas zonas houbo vehículos que tiveron que esperar a que as máquinas de limpeza liberasen as estradas para continuar a marcha.
Tamén en Bande, en Ourense, a estrada que se dirixe á veciña localidade de Xinzo presentaba unha importante acumulación de neve, que impedía a circulación.
Á primeira hora da mañá a neve dificultou tamén o paso pola autovía A-52 na Cañiza, mentres que o xeo causou problemas na mesma zona na AG-57 e na AG-55 na Laracha (A Coruña).