A Audiencia da Coruña confirma a condena ao alcalde de Oleiros por intromisión na honra dunha xuíza
A Sección Quinta da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, de Alternativa dos Veciños, por intromisión no dereito á honra da xuíza Elena Fernanda Pastor Novo, aínda que estima parcialmente o seu recurso e rebaixa a indemnización de 60.000 euros que debía aboalo a 30.000 euros.
En rolda de prensa, o seu letrado, Carlos Hernández, e o rexedor fixeron público o contido do fallo, discrepando con este e anunciando que esgotarán “tódalas vías legais”.
O primeiro paso será, segundo expuxeron, acudir ao Tribunal Supremo. Non obstante, o alcalde volveu denunciar unha “persecución” cara á súa persoa e insistiu en que, malia este fallo, non o van calar.
A Audiencia estima en parte o fallo, de xaneiro de 2014, do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que condenou ao alcalde a aboar 60.000 euros e a publicar en distintos medios o contido da sentenza ao admitir a denuncia presentada pola xuíza, á que, antes, o Concello obrigou a restablecer a legalidade nunha vivenda da súa propiedade por unha infracción urbanística.
ORIXE DO ENFRONTAMENTO
Esta denuncia presentouse tras unha rolda de prensa ofrecida polo alcalde na que acusou a xuíza de incorrer nunha posible prevaricación no procedemento xudicial aberto contra el, en 2006, pola compravenda duns terreos.
Seis anos despois, decretouse o sobresemento provisional parcial tras arquivar os supostos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e información privilexiada. Unicamente mantivo o de negociación prohibida a funcionario
ARGUMENTOS DO FALLO
Agora, a Audiencia declara a actuación do alcalde de “intromisión ilexítima no dereito á honra da demandante”, aínda que rebaixa a indemnización. Entre outras cuestións, sostén que “a liberdade de información e de expresión debe suxeitarse a determinados límites para non alterar o normal desenvolvemento da actividade xurisdicional”.
Tamén argumenta que o alcalde convocou a rolda de prensa “non tanto para sacar á luz o expediente de reposición ou a infracción urbanística e informar da resolución xudicial de continuación parcial da instrución penal ou criticar a decisión, senón para atacar gravemente a persoa da demandante”.
CRITICAS AO FUNCIONAMENTO XUDICIAL
En rolda de prensa, o avogado do alcalde de Oleiros, Carlos Hernández, reiterou que a actuación da maxistrada “non foi correcta” e criticou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non admitise a querela que presentaron contra esta xuíza.
Tamén arremeteu contra o funcionamento da xustiza, cuestionando que sexan xuíces os que, á súa vez, xulguen os seus compañeiros. “Haberá que controlar o poder xudicial con resortes democráticos”, demandou.
Así mesmo, denunciou “a absoluta indefensión” do seu cliente, mentres acusou ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) –ao que tamén recorreu o rexedor– como un órgano “de xente afín e dócil”.
Pola súa banda, o alcalde de Oleiros preguntouse “se había ou non infracción urbanística” por parte da xuíza na súa vivenda. “Dixen cousas que se axustaban á realidade”, engadiu tras rexeitar, en consonancia co seu avogado, que haxa, pola súa parte, unha intromisión no dereito á honra.