publicidade hoxe

Queda aprazado ata febreiro o xuízo polo secuestro dun madereiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArangaCambreLalínLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

O xuízo polo secuestro dun empresario madeireiro en Aranga (A Coruña) quedou aprazado ata o 8 de febreiro despois de que varios acusados renunciasen aos seus avogados. Esta situación dáse despois de que este martes xa quedase suspendida a sesión, debido a razóns médicas dun dos oito procesados cos que conta a causa e a ausencia tamén dunha defensa. Concretamente, renunciaron aos seus avogados unha das acusadas e o matrimonio de persoas maiores.

Esta parella, con avogados de oficio, decidiu agora contratar os seus propios letrados para a súa defensa no xuízo polo secuestro do madeireiro de Cambre que permaneceu retido cinco días, que ten lugar na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña.

O tribunal, formado por tres integrantes, decidiu finalmente suspender o xuízo ata o 8 de febreiro debido a que estaba “en xogo o dereito á defensa”, se ben un dos membros emitiu un voto particular alegando que podería ser unha “petición fraudulenta”.

Tamén a Fiscalía se opuxo á suspensión do xuízo, alegando a cuestión de posible “fraude de lei” e o avogado do empresario secuestrado adheriuse a este petición, que finalmente non saíu adiante.

XA SE ATRASARA UN DÍA

A sala atrasara un día o inicio da sesión, que estaba previsto que dese comezo este martes, debido ao ingreso hospitalario dun dos oito acusados, en concreto, do propietario da vivenda anexa ao alpendre no que permaneceu retida a vítima.

O fiscal pide, por un delito de secuestro, dez anos de prisión para José Manuel M.P.; Jesús M.P., José Miguel M.R., Ramón M.T., Jesús Manuel M.G., Isabel M.S.. A mesma pena pide para Miguel M.C. e Esther S.T., en concepto de cooperadores necesarios. Por tenza ilícita de armas, solicita para Ramón M.T., tres anos máis de prisión.

O Ministerio Público reclama tamén que se indemnice ao empresario, Abel D.N., ao que os acusados confundiron co seu irmán, con 75.000 euros, en concepto de reparación de danos físicos e morais. A acusación particular pide 200.000 euros.

“COMPLICIDADE” DALGÚN ACUSADO

Antes de que se confirmase a suspensión do xuízo, o avogado do empresario, José Ramón Sierra, xa apuntou a esta posibilidade tras comunicar algún letrado a decisión do seu cliente.

“Non sabemos se na próxima sesión renuncia a outro e así imos renunciando ata que vaiamos cambiando os letrados”, engadiu sen concretar se o consideraba unha estratexia por parte dos acusados.

Non obstante, indicou que, para un letrado, “non é agradable meterse un xuízo de oito tomos e que o día do xuízo o seu cliente lle diga que renuncia a el”.

Pola súa banda, o avogado de Jesús M.G., Víctor Bouzas, cuestionou que para o seu cliente se pidan 10 anos de prisión por secuestro. “O Meu patrocinado solo transportoulle e con coaccións”, dixo sobre o traslado en coche da vítima nun vehículo deste procesado.

Ao respecto, defendeu que no secuestro houbo “dous autores materiais e dous intelectuais”. Por iso, considerou que deben terse en conta “complicidades e non unha autoría xeral”, expuxo aos xornalistas.

2 de decembro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.