publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Estela Suárez presentou o seu primeiro conto infantil: “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”, ilustrado por Héitor Picallo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrosoPortada dereita
A-
A+
Presentación de "Non quero xogar ás agachadas coa lúa"

Presentación de “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”

O auditorio da Casa da Cultura de Sigüeiro encheuse na noite do venres para arroupar á escritora Estela Suárez Recouso, veciña da parroquia de Trasmonte (Oroso), na presentación da súa primeira publicación: “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”, editada por Edicións Fervenza. Un conto infantil “sobre a amizade e o feito de preguntarse a onde van as cousas cando desaparecen”, explicou a autora.

Estela Suárez estivo acompañada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, polo escritor e profesor Miro Villar e polo ilustrador do libro, Héitor Picallo, quen revelou que non coñecía en persoa á escritora orosá. “Coñecémonos dende hai unha hora”, bromeou Picallo. Pola súa banda, Manuel Mirás salientou a importancia que ten para a cultura, en xeral, e para Oroso, en particular, cada vez que se presenta un libro feito por un veciño ou veciña do municipio. “Sei que é a estrea de Estela, o seu primeiro libro. E estou seguro de que será todo un éxito. E así llo desexo”, explicou o alcalde orosán. 

Estela Suárez, de 27 anos, explicou que escribiu este conto infantil con 15 anos porque unha profesora do IES de Oroso “me pediu un contiño para a súa filla” e que “hai dous meses recibín un mail no que me dicían que ían publicalo”. Unha noticia ante a que reaccionou pensando que “isto escribino con 15 anos, pasaron doce anos. Teño cousas moito mellores. Pero despois collino e pensei que non estaba tan mal”. De feito, asegurou: “acordeime da miña avoa, que dicía que cando se deixan as cousas levedar, saen moito mellor”. 

A escritora orosá indicou que o seu gusto pola lectura vén de nena, “cando todas as noites a miña nai me contaba contos. E eu tiña moi boa memoria e, cando me cambiaba algo, dicíalle que non era así. Despois, ter unha irmá 9 anos maior ca min fixo que tivera a man todo tipo de libros para ler todas as noites”. Esa inquietude lectora foi a que lle fixo conectar con Miro Villar, profesor de Estela no IES Oroso e que foi quen se encargou tanto de atopar unha editora como de pedirlle a Héitor Picallo que se encargara das ilustracións. 

Picallo explicou que “non lle podía dicir que non” a Villar, pero que “aínda que era unha historia fermosa, pensei que o mellor modo de ver se era bo era pasarllo a un neno, meu sobriño. E lle encantou”. De feito, indicou que a historia “era un pouco como Marco buscando pola nai” e agradeceu “a colaboración do Concello de Oroso porque apostar pola literatura infantil ou por un libro en galego é apostar polo país e por conservar a nosa lingua”. 

Estela Súarez Recouso

Estela Suárez Recouso, de 27 anos, naceu na parroquia de Trasmonte. Licenciada en Filoloxía Galega, actualmente está sacando o Grao de Pedagoxía. O seu primeiro certame literario gañouno en Oroso no 1999. Nese momento comezou a súa andaina literaria, sucedéndose diversos premios en certames de narrativa e relatos curtos. Entre os últimos recoñecementos recibidos atópase o primeiro premio á mellor curta no V Certame de Curtas para Rosalía da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e o segundo premio do III Concurso de Curtametraxes “E ti que ves?”, de Adega; ambos neste ano 2015. 

Tras traballar como tradutora e correctora, en 2014 montou cunha amiga unha produtora de animación, Seica Animacións, coa idea de crear produtos audiovisuais non convencionais, explorando diversos materiais para darlle vida ás súas propias ideas e buscando achegar a técnica do “stop motion” ao público. Estela encárgase da parte de guión e, cando traballan con vídeo educativo ou fan obradoiros, é a que elabora os contidos educativos que queremos trasmitir. A súa compañeira Xoana, graduada en belas artes e cun mestrado en Ilustración e animación “stop motion”, é a encargada da fotografía e das técnicas artísticas.

21 de decembro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.