Achan restos humanos entre os entullos dunha casa incendiada en Vilalba
Os Bombeiros de Vilalba (Lugo) localizaron os corpos sen vida de tres persoas que morreron no incendio que calcinou por completo a casa na que vivían. Así o confirmou o 112 Galicia, que sinalou que pouco antes das 9,00 horas recibiu a chamada dun particular que alertaba dun lume no interior dunha vivenda situada na parroquia vilalbesa de San Simón da Costa na que residía un matrimonio de octoxenarios e unha filla de mediana idade.
Durante algo máis dunha hora, os bombeiros do parque comarcal traballaron na extinción das chamas que calcinaron por completo o inmoble. O 112 precisou que o lume provocou danos estruturais “importantes” e a vivenda derrubouse.
Por iso, ante a sospeita de que puidese haber persoas no interior, o 112 Galicia solicitou a presenza dos servizos sanitarios de urxencia da zona. En concreto, o 061 desprazou ao momento un médico de Atención Primaria e unha ambulancia asistencial, segundo indicaron fontes sanitarias.
RETIRADA DE CASCALLOS
Cando os efectivos de emerxencias comezaron a retirar os cascallos acharon primeiro os cadáveres de dúas persoas maiores e, posteriormente, o corpo sen vida dunha terceira de mediana idade. No entanto, debido ao estado dos corpos será o persoal forense o encargado da súa identificación.
Ademais dos bombeiros e dos técnicos de Urxencias Sanitarias, participaron no operativo axentes da Garda Civil e foron informados profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).