publicidade hoxe

O Partido Socialista expulsa provisionalmente ao alcalde de Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O PSOE decidiu expulsar provisionalmente ao alcalde de Becerreá e deputado provincial en Lugo, Manuel Martínez, por propiciar que a popular Elena Candia se alzase coa Presidencia da Deputación de Lugo o pasado mes de xuño e por votar co PP en sesións plenarias as iniciativas do BNG, socio de goberno do seu partido na institución provincial.

“A súa actuación supuxo un gravísimo dano á imaxe do partido, non só na provincia de Lugo, senón en todo o seu conxunto”, remarca o documento elaborado pola Secretaría de Organización do PSOE a nivel federal, que avanza a apertura dun expediente disciplinario ao rexedor.

Contra a decisión de proceder á súa expulsión provisional e abrirlle expediente disciplinario o alcalde de Becerreá poderá interpor un recurso nun prazo de 10 días hábiles. En declaracións, Manuel Martínez xa avanzou que en canto se lle notifique oficialmente a súa expulsión procederá a recorrela e asegurou que se atopa “tranquilo”.

Este movemento de Ferraz prodúcese despois de que o Grupo Socialista na Deputación de Lugo ordenase analizar o seu comportamento por se puidera ser remitido á Comisión Antitransfuguismo e iniciase os trámites para a súa expulsión ante a súa decisión de oporse a todas as propostas do BNG debido a que os nacionalistas vetaron a súa presenza na xunta de goberno. Previamente, o Bloque tamén vetara a Manuel Martínez para presidir o ente provincial por estar imputado.

APOIO DOUTROS ALCALDES

Neste escenario, aproveitando a presenza o martes en Galicia do secretario de Organización do PSOE, César Luena, o alcalde de Castroverde, José María Arias, entregoulle unha carta para defender ao seu homólogo en Becerreá e pedir á executiva federal que adopte “as medidas oportunas para normalizar a situación, desenmascarar aos verdadeiros responsables” e solucionar o conflito.

Luena comprometeuse a lela, pero deixou claro que “as normas son iguais para todos” e que “hai que estar ao que hai que estar”. “Recibina, lereina e para o 21 de decembro resolvereino con moito gusto”, subliñou en presenza dos xornalistas.

XUSTIFICACIÓN DAS MEDIDAS

No entanto, este mércores a Comisión Executiva Federal do PSOE xa anunciou a súa decisión de expulsar provisionalmente e abrirlle expediente disciplinario a Manuel Martínez ao considerar que a súa actitude ten “perfecto acomodo” nos artigos dos estatutos do partido e do regulamento de afiliados que prevén esta medida ante “actuacións gravemente irregulares”.

A iso agrega que o sentido do seu voto “á marxe do acordado” polo PSdeG na Deputación de Lugo suporía “unha actuación en contra das directrices marcadas polo grupo provincial.

“Sen prexuízo do resultado do expediente disciplinario que se segue contra Manuel Martínez, a situación e os feitos descritos xustifican a adopción das medidas previstas”, sinala a resolución da Comisión Executiva Federal, que designa como instrutor do expediente a Jesús María Greciet García.

O Regulamento dos Afiliados recolle que “a expulsión do partido levará en todo caso, a perda dos cargos públicos dependentes do PSOE que ostente o sancionado”. Manuel Martínez, á parte de alcalde de Becerreá é deputado provincial na Deputación de Lugo, onde os socialistas conseguiron as pasadas municipais 11 prazas, o BNG dous e o PP 12.

18 de novembro de 2015 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.