publicidade hoxe

Teresa Romero asegura que ser filla adoptiva de Becerreá é un paso adiante na súa recuperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

A auxiliar de enfermaría Teresa Romero, a primeira contaxiada do ébola en Occidente, asegurou este xoves que para ela, ser fillo adoptivo de Becerreá (Lugo), é “un paso adiante” na súa recuperación. Así o manifestou despois de que o Concello de Becerreá, nun pleno extraordinario celebrado este mércores e cos oito votos a favor do goberno socialista -e tres abstencións do grupo popular-, acordase declarala filla adoptiva do municipio, onde reside a súa nai.

Romero, en declaracións a Ser Lugo, manifestou sentirse “satisfeita e contenta”, aínda que recordou que “se fixo esperar un pouco de tempo”. “Pero ao final conseguiuse, cun pouco de perseveranza, e agora a esperar que chegue o día con moita ilusión e moita emoción”, indicou.

Hai un ano a designación non callou porque o PSOE non dispoñía de maioría abonda para sacalo adiante, dous terzos da corporación, dos once concelleiros.

“Para min ser filla adoptiva, na miña recuperación, é un paso adiante, psiquicamente dáme moito subidón de enerxía”, abundou Teresa Romero, xa plenamente recuperada aínda que segue de baixa.

Confirmou que o 5 de decembro acudirá a recibir a distinción e agarda que “sexa un acto normal, sinxelo”, para compartir con toda a súa “familia” e todo “o pobo de Becerreá, amigos e todo o que queira acudir ao acto”.

Se algo lle “une” a este municipio, dixo, é a súa nai, que “vive alí todo o ano”. “A miña nai está alí máis tranquila que en Madrid”, explicou.

“MÉRITOS ABONDOS”

Pola súa banda, o alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, insistiu en que “Teresa ten méritos máis que suficientes para que o concello e a corporación votase por unanimidade o seu nomeamento”.

É por iso que lamentou que os populares se abstivesen, o que obedece, na súa opinión, a “intereses espurios e a falta de respecto a unha persoa que estivo ao bordo da morte por unha mala xestión” das autoridades sanitarias.

Ademais, destacou que ela contribuíu “a que se dispoña da primeira vacina experimental para o ébola”, ao ser a primeira contaminada en Occidente.

1 de outubro de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.