Prisión provisional para o individuo que apuñalou un veciño que lle recriminou que collese castañas no seu terreo
O xulgado decretou prisión provisional para o individuo que apuñalou un veciño de Friol (Lugo) que lle recriminou que collese castañas no seu terreo, polo que será trasladado ao centro penitenciario de Bonxe en canto reciba a alta hospitalaria.
Segundo informaron este venres fontes próximas á investigación, o xoves o xuíz acudiu ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo a tomarlle declaración ao cumprirse o tempo legalmente estipulado para poder ser custodiado pola Guardia Civil antes de pasar a disposición xudicial.
Tras tomarlle declaración, o xulgado ordenou prisión provisional. Así, será conducido ao cárcere de Bonxe unha vez recibida a alta do módulo de custodia do HULA.
O presunto agresor, J.A.F.E., duns 43 anos, foi trasladado o martes ao hospital ao atoparse indisposto de madrugada cando permanecía detido en dependencias da Guardia Civil.
FEITOS
No HULA tamén ingresara previamente o propietario do terreo onde sucederon os feitos, A.A.B.N, duns 60 anos, a onde foi evacuado na tarde do luns tras a agresión sufrida.
Os feitos sucederon sobre as 18,30 horas do luns nun terreo na parroquia de Condes, no municipio de Friol, cando o presunto agresor accedeu a unha propiedade do agredido a coller castañas.
Ao recriminarlle o agredido que era un terreo privado, o agresor, sen mediar palabra, apuñalouno, segundo relatou a propia vítima a veciños cando era trasladado.