publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os avogados do clan de Vázquez Roma piden a nulidade das escoitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

Os avogados do clan liderado polo cambadés Ramiro Vázquez Roma, que foi desarticulado por Vixilancia Aduaneira en outubro do ano 2007 na coñecida como ‘Operación Piraña’, pediron a nulidade das escoitas no macroxuízo por narcotráfico que arrincou este xoves na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Durante esta primeira xornada, o tribunal ocupouse das cuestións previas, coa petición dos avogados da defensa, unha estratexia que se puido ver en casos similares por narcotráfico. Esta petición atenderase á hora de ditar sentenza, precisaron as maxistradas da Sección Cuarta.

No banco dos acusados sentaron 19 imputados, entre implicados directamente na actividade de narcotráfico e colaboradores para o suposto branqueo de capitais. Para todos eles, a Fiscalía pide penas que suman case 300 anos de prisión e multas multimillonarias.

A rede foi desarticulada cando tentaba introducir máis de 3.000 quilos de cocaína en dúas embarcacións que foron detidas en Bueu e no Grove. A investigación calculou que a droga intervida podería alcanzar un prezo de mercado superior aos 100 millóns de euros.

Para José Ramiro Vázquez Roma, o fiscal antidroga pide ao tribunal que o condene a 27 anos de prisión e reclámalle o pago de 604 millóns de euros de multas como autor de delito contra a saúde pública. Está considerado o xefe da organización, polo que as penas que se lle piden tamén son por delito de coordinación e dirección de organización criminal, xunto con branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.

Para este macroxuízo reservouse unha das salas da planta baixa da Audiencia, que conta cunha zona ampla para a presenza de todos os avogados da defensa.

CARMEN AVENDAÑO

A esta primeira sesión do macroxuízo asistiu a presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, que quixo mostrar o seu apoio a un dos implicados na operación que, fai oito anos, era toxicómano.

Con todo, segundo dixo, xa ten a vida organizada, con fillos e traballo no mar. “Cometeu un delito e quere evitar que se lle trunque a vida”, indicou.

Neste sentido, Avendaño lamentou o atraso xudicial e apuntou que os implicados neste caso son “restos das grandes organizacións de narcotraficantes”, que tiñan actividade nas costas de Galicia.

“Hoxe non están tan montadas, agora xa non teñen aqueles liderados”, manifestou a presidenta de Érguete, quen alertou de que “os pequenos grupos continúan realizando actividades de narcotráfico, colaborando con organizacións internacionais”.

Tamén manifestou que o goberno “está a destinar cada vez menos recursos a loitar contra esta actividade” e, por este motivo, pediu “que se reforce e que siga prestándose unha atención especial como zona de risco ás costas galegas”.

1 de outubro de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.