O alcalde de Becerreá queda fóra do goberno da Deputación de Lugo
O goberno da Deputación de Lugo, que foi arrebatado a principios de outubro ao PP mediante unha moción de censura de PSdeG e BNG, non contará finalmente co alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, aínda que si formarán parte del os rexedores de Pol e de Viveiro, ambos tamén imputados, que levarán as áreas de medio rural e medio ambiente e de xestión territorial, respectivamente.
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, explicou en rolda de prensa que a Manuel Martínez propúxoselle que levase a área de vías e obras e parque móbil, pero sen entrar na xunta de goberno do ente provincial, opción que rexeitou o rexedor de Becerreá, quen avanza que dará unha rolda de prensa o 4 de novembro. Será o alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández, quen levará o departamento de vías e obras e parque móbil.
Manuel Martínez propiciou o pasado mes de xuño que a Deputación de Lugo acabase en mans do PP ao negarse a apoiar a un candidato á presidencia alternativo a el, que era vetado polo BNG por estar imputado, aínda que finalmente a principios de outubro apoiou a moción de censura para recuperar esta administración que fora presidida polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
O goberno de coalición entre socialistas (11 deputados provinciais) e nacionalistas (dous deputados) da Deputación de Lugo contará con oito áreas na xunta de goberno provincial. O BNG exercerá a vicepresidencia e a área de cooperación cos concellos, que estará en mans de Antonio Veiga, mentres que Xosé Ferreiro farase cargo de cultura e será o portavoz nacionalista.