Galicia rexistra un total de 378 incidencias debido ao mal tempo

Un dos accidentes rexistrados
Un total de 378 incidencias foron xestionadas, entre as 8,00 horas do domingo e as 11,00 horas deste luns, polo persoal do 112 Galicia, relacionadas coa meteoroloxía adversa que, desde este domingo afecta á Comunidade galega. Neste momento continúa activo o nivel laranxa por vento no litoral das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, con refachos que poden alcanzar os 100 quilómetros por hora.
No referido período foron atendidas un total de 3.807 chamadas. A maioría das intervencións, un 43%, estiveron relacionadas coa caída de árbores e ramas e, en menor medida (un 13%), coa acumulación de auga en estradas e anegamentos en rúas, baixos comerciais e vivendas, sen que se rexistrase ningunha de gravidade.
As horas nas cales se rexistrou unha maior actividade no 112 Galicia foron entre as 13,00 e as 15,00 horas do domingo, e ás 10,00 horas desta mañá, coincidindo coa caída dunha forte tromba de auga.
PROVINCIAS MÁIS AFECTADAS
Por provincias, a máis afectada foi a de Pontevedra, cun 43% das incidencias rexistradas, seguida da Coruña, cun 35%; Ourense, cun 14%, e un 7% para Lugo.
En canto aos concellos máis afectados, foron os de Padrón, Ortigueira, Rianxo, Arzúa e Santiago de Compostela, onde unha forte tromba de auga esta mañá ao redor das 10.30 horas provocou múltiples incidencias e afectou á circulación na cidade.
Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, o municipio máis afectados foron Bueu, Cangas, Lalín, Vigo, Vilagarcía e O Porriño; e en Ourense, Muíños, Vilar de Barrio, Castro Caldelas, Ramirás e a capital de provincia. Por último, en Lugo, os municipios máis afectados foron os do Saviñao, Palas de Rei e Lugo.
INCIDENCIAS EN CENTROS EDUCATIVOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informou de incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa na cidade de Pontevedra.
Nun dos casos trátase do desprendemento dunha xanela do IES Sáchez Cantón, sen ningunha consecuencia para a comunidade educativa; mentres que noutro caso, rompeu un enreixado que separa o CEIP A Xunqueira Nº 1 e Nº2 debido á caída dunhas árbores no recinto do primeiro dos centros. Ademais, o CEIP Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa, sufriu danos na súa cuberta.
AFECTACIÓN NAS FESTAS DO SAN FROILÁN
Os concellos están a adoptar as medidas oportunas para facer fronte a esta situación e, por exemplo, en Lugo foron pechados os parques da Milagrosa e Rosalía de Castro, en plena xornada festiva polos festexos de San Froilán.
Así, foron suspendidos os concertos de Riobó, Treixadura e Cantigas e Agarimos na Praza da Horta do Seminario, así como os fogos artificiais desde rúa Poeta Noriega Varela debido ás fortes precipitacións.