A empresa galega Genesal gaña a categoría de internacionalización do certame ‘Somos empresa’

Entrega de premio a Genesal
A empresa galega Genesal, fincada en Bergondo (A Coruña), foi a gañadora na categoría de internacionalización do certame ‘Somos empresa’, premios organizados polo Banco Popular, en colaboración con ‘El País’ e Cadena SER, e que foron entregados nunha gala no Teatro Real conducida por Macarena Berlín.
Nesta primeira edición do certame, xunto a esta empresa galega, foron galardoadas as compañías Desarrolla, Onyx, Batec, Novgen e Construcciones Lazpiur.
En concreto, segundo informou o Grupo Prisa, o premio ‘Somos innovadores’ recaeu en Desarrolla, unha construtora que grazas a ferramentas tecnolóxicas ofrece a posibilidade de coñecer a tempo real a execución da súa obra e comunicarse ao instante coa empresa; mentres que a vencedora na categoría ‘Somos internacionales’ foi Genesal, unha compañía especializada en solucións de enerxía distribuída que está presente nunha trintena de países.
Pola súa banda, Onyx é a gañadora do premio a ‘Somos Sustentabilidad’, pois a materia prima deste proxecto empresarial é o sol e o seu obxectivo é levalo ao maior número de edificios posible. Ademais, Batec venceu na categoría ‘Somos Conciliadores’ pola súa dedicación a idear e fabricar solucións de mobilidade alternativas que melloraban a oferta que xa existía.
Os gañadores do premio ‘Somos futuro’ foron Augusto Anguita Ruiz e Javier Borrego Gil, quen deron forma a Novgen durante o seu último ano do Grao en Bioquímica. O seu produto permite, cunha simple mostra de saliva, estudar parámetros relativos á nutrición e o deporte cos que ofrecen un asesoramento personalizado.
Construcciones Lazpiur foi elixida como a empresa ‘inspiradora’. Dirixida por Miguel e Agustín Lazpiur, a compañía constrúe maquinaria e pezas de automoción para casas como Mercedes e os seus produtos expórtanse a 25 países.
O xurado estivo composto pola presidenta de Prosegur, Helena Revoredo; o presidente de Eurodivisas, Isidoro J. Alanis; o adxunto á dirección de ‘El País’, Javier Ayuso; o presidente de IE University e decano de IE Business School, Santiago Íñiguez; o director de ‘A vivir que son dos días’ de Cadena SER, Javier del Pino; o director de ‘Cinco Días’, Jorge Rivera; o presidente do Grupo Banco Popular, Ángel Ron; e o presidente da Corporación Escola de Finanzas, Venancio Salcines.