Xunta e Ministerio de Medio Ambiente aluden á implicación das distintas administracións para avanzar na rexeneración da ría do Burgo

Ethel Vázquez na reunión con Pablo Saavedra
A Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente constataron hoxe a necesidade de implicar as distintas administracións para avanzar consensuadamente no deseño, inanciamento e execución do proxecto para a rexeneración da ría do Burgo. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo en Madrid co secretario de Estado de Medio Ambiente, Pablo Saavedra, na que abordaron, ademais, a regularización dos núcleos rurais tradicionais do litoral galego.
Na xuntanza, a conselleira de Medio Ambiente, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, lembrou que a calidade das augas da Ría do Burgo é unha preocupación estratéxica para o Goberno galego, e trasladou o interese da Xunta por coñecer de primeira man e implicarse nos avances do proxecto de rexeneración, de gran interese tamén para os municipios da ría.
Por ese motivo, na reunión acordouse que, unha vez se conclúa o proxecto construtivo – actualmente en fase de redacción e que se prevé que estea rematado o vindeiro mes de novembro-, se impulsará a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Goberno central, a Xunta e os concellos para avanzar de forma conxunta e coordinada nesta actuación.
Tanto a conselleira de Medio Ambiente como o secretario de Estado coincidiron en que a rexeneración da ría do Burgo é un proxecto complexo que debe realizarse con todas as garantías ambientais. Así mesmo, sinalaron que a súa execución implica as competencias das diferentes administracións, polo que, para levar adiante o proxecto é necesario o compromiso de todas elas.
A conselleira de Medio Ambiente confirmoulle que o Goberno galego, no exercicio das súas competencias de colaboración técnico-financeira cos municipios na execución de infraestruturas de saneamento e depuración prevé licitar proximamente o tanque de tormentas de Santa Cruz (Oleiros) e as obras de mellora do bombeo do Temple (Cambre), que en conxunto suporán un investimento próximo aos 6 millóns de euros.
Regularización dos núcleos rurais do litoral galego
Ethel Vázquez estivo tamén acompañada da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, nunha xuntanza na que se trasladou a preocupación do Goberno galego pola regularización dos núcleos rurais tradicionais do litoral galego.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas insistiu en que este tipo de asentamentos represetan unha singularidade propia da organización urbanística de Galicia e lembrou o traballo realizado desde a Xunta para conseguir o seu recoñecemento desta particularidade tanto na Lei de Costas, e, máis recentemente, no decreto que regula os usos nas zonas inundables.
Desde este punto de vista, a conselleira de Medio Ambiente solicitou que a Administración autonómica poida tomar parte nos procesos abertos para a regularización dos núcleos costeiros ao abeiro da reforma da Lei de Costas. O obxectivo do Goberno galego é prestar o mellor asesoramento técnico aos municipios implicados co obxectivo de dotar de seguridade xurídica ao maior número posible de asentamentos costeiros tradicionais.