publicidade hoxe

Máis de 200 persoas concéntranse ante a Xunta esixindo máis cotas para a volanta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press
Protestas ante a Xunta

Protestas ante a Xunta

Máis de 200 persoas -entre pescadores, armadores e veciños chegados de Cedeira- concentráronse este xoves ante a Xunta para esixir máis cotas para o sector da volanta, que “agoniza”. En declaracións, o armador de Cedeira que leva acampado ante a Xunta dende o domingo e que lidera a protesta, Ricardo Villar, remarcou que esta concentración se levou a cabo para conseguir “unha cota digna para vivir, nada máis, non para facerse rico”.

Así, considera insuficiente unha cota por barco de 35 toneladas de pescada e demandan que se amplíe, porque agora mesmo “están a cero” para poder pescar no que queda de ano.

Na protesta puidéronse ver pancartas como ‘O sector da volanta agoniza’; ‘Somos pescadores, non delincuentes’ ou ‘A falta de cota e o exceso de sancións vainos levar á ruína’, mentres manifestantes fixeron soar as súas bucinas.

Nesta liña, a patroa maior de Cedeira, Lucía Villar, mostrou o apoio aos membros da confraría concentrados ante a Xunta, que “queren traballar”, e “están fartos de chegar a porto e ter inspeccións cun regulamento da UE á pesca artesanal moi restritivo”.

Dende Cedeira chegaron ata Santiago este xoves dous autobuses con traballadores da confraría e veciños da localidade, que tamén se desprazaron en coche ata un total dunhas 200 persoas.

Pola súa banda, prevese que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, se reúna o venres cos mariñeiros despois de que se puxera en contacto co sector nas últimas horas.

MULTAS POR SOBREPRESCA DESPROPORCIONADAS

Os pescadores e armadores recoñecen que teñen que mentir no que capturan para poder vivir, polo que acumulan diversas multas por sobrepesca que consideran que non son proporcionadas.

“Isto vénse arrastrando dende hai tres ou catro anos”, explicou Villar, porque “ao principio se ían pagando as multas á espera de que a cousa cambiase”, pero “despois xa es reincidente” e “se multiplican por dous”, e as sancións van “dende 3.000 euros por embarcación” ata “os 40.000 euros”.

“O que non pode ser é que as sancións cheguen aos 30.000 euros a uns barcos de pesca artesanal, non estamos a falar de grandes empresas industriais pesqueiras”, queixouse Lucía Villar.

24 de setembro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.