publicidade hoxe

A Garda Civil dá por desarticulado un grupo especializado en roubos no Val Miñor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaGondomarNigránOiaPortada dereitaSucesos
A-
A+
Efectos intervidos

Efectos intervidos

A investigación desenvolvida polo Posto Principal de Baiona-Nigrán, permitiu esclarecer, polo menos unha decena de roubos con forza nos tres municipios da comarca. Os rexistros practicados onte nos domicilios de dous dos imputados, en Gondomar e en San Miguel de Oia, permitiron ademais recuperar parte do material subtraído ao longo dos últimos meses.

Con esta operación, denominada MX e a recente culminada en Madrid na que se colaborou coa Policía Nacional, baixo o nome de Guantes, a Garda Civil considera resoltos os máis de trinta roubos que se denunciaron nesta demarcación desde o 2014.

Neste caso, o obxectivo principal dos asaltantes eran as obras en construción e as vivendas deshabitadas, de onde levaban desde os electrodomésticos até o material eléctrico e as ferramentas. De feito, na vivenda que un dos arrestados está a rehabilitar en Santa María de Oia, localizáronse numerosos materiais e efectos procedentes dos roubos que o mozo empregaba para a construción da súa propia casa.

No rexistro practicado en Gondomar, incautáronse varias das bicicletas cuxo roubo se lle atribúe a este grupo, con gran predilección e especialización na compra venda de repostos de bicicletas xa que as subtraían e desmontábanas para poder vendelas por partes. En Gondomar púidose identificar un suposto de compra venda habitual de pezas de bicicleta sen autorización ao que os coñecidos acudían con asiduidade para intercambiar efectos relacionados con esta disciplina. Ademais de catro bicicletas completas, recuperáronse numerosas pezas como rodas, cadeas, pinzas ou cadros cuxo orixe se está investigando. Outro dos escenarios principais do grupo eran os bares de comisións de festas ou de campos de fútbol. Deles servíanse bebidas e alimentos que se subtraeron en varias ocasións, chegando a levar ata unha neveira dunha das comisións afectadas.

A dous dos detidos: L.G.C.P., de 28 anos, veciño de Gondomar, pero natural de Vigo, do mesmo xeito que J.D.P.P., de 32, considéraselles os xefes do grupo. 

Tras ser arrestados, pasaron a disposición do xulgado Número 6 dos de Instrución de Vigo, encargado do caso. Os outros dous mozos: D.Q.A., de 21 anos e natural de Nigrán, residente en Baiona e E.M.P., de 29 e con domicilio en Gondomar, considéraselles colaboradores puntuais. Tamén foron arrestados o martes día 29 pero quedaron en liberdade pendentes de ser requiridos pola autoridade competente.

Os efectos recuperados, do mesmo xeito que se esta facendo cos da Operación Guantes, faranse chegar aos seus lexítimos propietarios en función das denuncias que presentaron no seu día e da identificación visual dos mesmos.

30 de setembro de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.