Unha muller resulta atropelada polo seu coche cando trataba de arranxar unha avaría
Unha muller resultou atropelada polo turismo no que viaxaba como copiloto cando trataba de arranxar unha avaría baixo o vehículo. Os feitos, segundo indicou o 112, aconteceron na localidade lucense de Foz, e motivaron que a muller tivese que ser rescatada polos Bombeiros de Barreiros ao quedar “aprisionada”.
Unha vez liberada grazas a uns elevadores, foi trasladada pola ambulancia ao centro hospitalario, xa que presentaba feridas provocadas polo golpe.
Os feitos tiveron lugar sobre as 15,00 horas na estrada que comunica Burela e Ribadeo. Ata o desvío de Ferreira acudiron, ademais dos Bombeiros e a ambulancia do 061, a Garda Civil de Tráfico, o Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Cervo e Protección Civil.