Recoméndase non beber auga da billa nos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Ares e Mugardos

Rolda de prensa dos alcaldes
Cinco municipios da ría ferrolá non poderán beber nin cociñar con auga da billa até novo aviso, aínda que os alcaldes esperan que a crise se solucione “en dous ou tres días”. Os niveis de trihalometano superaban en 80 microgramos, o máximo permitido segundo a análise que levou a cabo a Xunta este mércores 15 de xullo.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, compareceu este mediodía ante os medios acompañado dos seus homólogos en Narón, Fene, Mugardos e Ares, para lanzar unha “mensaxe de calma” aos máis de 150.000 veciños aos que lles afecta a restrición, asegurando que “non hai risco para a saúde a curto prazo”.
Suárez explicou que tanto a empresa mixta de augas de Ferrol, Emafesa, como a do municipio de Narón, Cosma, xa están a traballar para baixar os niveis de toxicidade.
MÁIS DE 80 MICROGRAMOS DO PERMITIDO
As dúas últimas análises que realizou a Consellería de Sanidade o 6 e o 15 de xullo evidenciaron un exceso de trihalometano que chegaba aos 180 microgramos por litro, cando o permitido son 100.
Os trihalometanos son compostos químicos que se xeran durante a potabilización da auga por reacción da materia orgánica non tratada co cloro utilizado para desinfectar.
Segundo Jorge Suárez, producíronse, precisamente, porque o exceso orgánico reduciu os niveis de cloro, obrigando aos técnicos a incrementalo e mesturándose así todo o composto coa materia que no verán se incrementa nas tubaxes pola escaseza de choiva.
O alcalde asegurou que os técnicos xa están a combater o trihalometano con dióxido de cloro, e que os niveis, segundo as últimas análises das empresas, xa chegaron a baixar até os 101 microgramos por litro nalgúns puntos.
SOLUCIÓN A CURTO PRAZO
Os alcaldes reuníronse tras a comparecencia para buscar solucións mentres non se solucione “a crise”, que o fará, segundo Suárez, “a moi curto prazo”. “Esperamos que en dous ou tres días”, sinalou.
Solicitarán axuda de emerxencias a través da Delegación do Goberno, mantendo unha “comunicación constante” coa Xunta de Galicia e coa UME, para abastecer á poboación durante estes días.
De momento a preocupación dos concellos é informar á poboación e, por iso, publicaron bandos municipais, alertando a colexios e gardarías, así como a centros de saúde. Mesmo en Mugardos e Ares sacaron a megafonía ás rúas para pór sobre aviso aos seus veciños.
EFECTOS A LONGO PRAZO
Jorge Suárez sostén que “só habería efectos graves para a saúde se hai un consumo continuado da auga contaminada durante décadas”, polo que, advirte, “non se van a colapsar os centros de saúde”.
Insiste en que “é unha prevención”, pois xa fai cinco anos deuse un precedente pero “como os niveis permitidos pola Xunta nese momento eran máis altos, non houbo restricións”.
De momento, toca esperar até o martes para ter as novas análises da Consellería de Sanidade e comprobar si o organismo autonómico verifica os niveis medidos a diario polas empresas dos concellos.