O incendio de Ourense permanece activo mentres o lume de Vilardevós xa está estabilizado
A Consellería do Medio Rural e do Mar informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09:00 horas de hoxe.
Activo Ourense
Permanece activo o incendio rexistrado no concello de Ourense, parroquia de Palmés, onde está declarada desde ás 17:45 horas de onte, como medida preventiva, a “Situación 2” porque o lume pode afectar á poboación e a bens non forestais e require a adopción inmediata de medidas de protección e socorro. O lume iniciouse ás 16:03 horas e afecta, segundo novas estimacións provisionais, a unha superficie de arredor de 100 hectáreas. No seu control traballan 6 axentes forestais, 21 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 10 avións. Tamén están colaborando membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Neste incendio, un helicóptero do Servizo de Extinción sufriu unha avería técnica ao tomar terra para recoller a súa brigada para colaborar nos labores de extinción doutro incendio. Non se rexistraron danos persoais.
Estabilizado Vilardevós
Estabilizado desde as 00:30 horas desta madrugada un lume rexistrado no concello de Vilardevós, parroquia de Arzádegos, tras comezar ás 18:07 horas da tarde de onte. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 55 hectáreas, das cales 7 son arboradas e o resto rasas. Nos labores de control levan participado 1 técnico, 4 axentes forestais, 11 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 1 avión.
Controlado Entrimo
Controlado ás 20:40 horas de onte o lume no concello ourensán de Entrimo, parroquia de Galez, tras comezar ás 17:37 horas da tarde do luns. Segundo novas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 15,2 hectáreas arboradas e 4 rasas. Nas tarefas de extinción levan participado 5 axentes forestais, 16 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros e 5 avións.
Controlado Folgoso do Courel
Continúa controlado desde as 22:40 horas o incendio iniciado o pasado sábado ás 19:18 horas no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia homónima. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 195,33 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 8 son arboradas e 187,33 de monte raso. Nas tarefas de extinción levan participado 3 técnicos, 20 axentes forestais, 51 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.
Controlado Navia de Suarna
Permanece controlado desde as 11:20 horas de onte o incendio rexistrado no municipio lugués de Navia de Suarna, parroquia de Ribeira. Este lume iniciouse o sábado ás 17:27 horas e segundo estimacións provisionais a superficie afectada é de 410 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 310 son arboradas e o resto rasas. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 13 axentes forestais, 49 brigadas, 26 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 6 avións. Tamén colaboraron nas tarefas de control membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Extinguido A Mezquita
Extinguido ás 23:50 horas de onte o lume rexistrado no concello ourensán da Mezquita, parroquia de Santigoso, tras comezar na madrugada do martes ás 00:08 horas. Segundo últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 102 hectáreas, das cales 57 son de terreo forestal e o resto agrícolas. Nos labores de extinción participaron 5 axentes forestais, 14 brigadas, 7 motobombas e 1 pa.