Deteñen a unha parella de amantes por intento de homicidio ao marido da muller
Axentes da Garda Civil adscritos á Unidade da Policía Xudicial de Noia, no marco da ‘Operación Ollinos’, detiveron a unha parella de amantes como presuntos autores dun delito de homicidio en grao de tentativa ao marido da muller. Segundo informou nun comunicado, o pasado día 10 a Garda Civil tivo coñecemento de que dous homes foran trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) como consecuencia das feridas sufridas no que, en principio, apuntaba a unha pelexa.
Con todo, como resultado das investigacións iniciadas por parte dos axentes, chegouse á conclusión de que un dos homes tiña unha relación sentimental coa esposa do outro. Como consecuencia desta relación, a investigación apunta a que a parella de amantes tentaría asasinar o esposo da muller, a cal, coñecedora dos hábitos diarios do marido, “pasoulle información ao presunto agresor para facilitarlle a comisión do homicidio”.
INGRESO EN PRISIÓN PARA O HOME
Tras estes indicios, os responsables da investigación procederon á detención da parella como presuntos autores dun intento de homicidio. Os detidos, veciños dos concellos coruñeses de Val do Dubra e da Baña, de 42 e 29 anos, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Negreira, onde se decretou o ingreso en prisión do home, mentres que a muller foi posta en liberdade con cargos.