A Xunta participa na xuntanza para a creación do comité de campaña para a Declaración da Década do Emprego Xuvenil
A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe en Madrid na xuntanza de creación do Comité de Campaña para a Declaración da Década do Emprego Xuvenil, onde están representados o Estado, as comunidades autónomas, municipios, organizacións internacionais, asociacións da sociedade civil e axentes sociais .
Esta Campaña, que está coordinada polos ministerios de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e de Emprego e Seguridade Social ten como obxectivo final que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declare a Década do Emprego Xuvenil, como oportunidade e motor de transformación económica e social das organizacións e dos países. Cecilia Vázquez foi nomeada vogal do Comité, xa que Galicia exerce neste segundo semestre do ano a representación das comunidades autónomas españolas en materia de xuventude na Unión Europea.
Vázquez destacou que a participación da Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, neste foro permitirá coñecer novas fórmulas de fomento do emprego xuvenil postas en marcha por outras administracións e países, así como dar a coñecer os programas pioneiros que se levan a cabo na nosa comunidade como Galeuropa, que este ano permitirá que 500 mozas e mozos galegos realicen prácticas formativas en empresas e entidades de 31 países europeos.
É preciso destacar, así mesmo, que a Xunta leva a desenvolver diversas actuacións para fomentar o emprego entre a mocidade, medidas e plans específicos que están a acadar reactivar o emprego cun impacto positivo nun dos colectivos que resultou máis afectado pola crise. Neste sentido, cómpre destacar o Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015, dotado con 100 millóns de euros e 19 medidas, a aposta da Xunta pola formación dual, a tarifa plana na cotización á Seguridade Social, ou o programa de Garantía Xuvenil financiado con fondos europeos.