A Sociedade Estatal de Participacións Industriais autoriza a Navantia a construír catro petroleiros para Idiazábal
O consello de administración da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), emitiu este mércores as autorizacións pertinentes para que Navantia poida subscribir o contrato de construción de catro buques petroleiros tipo Suezmax para Ondimar Transportes Marítimos, filial da naviera Idiazábal.
Deste xeito, o consello de SEPI trasladou a Navantia a súa autorización para facer fronte aos riscos que se identifican neste proxecto, así como a súa aprobación ás cartas de coñecemento propias destas operacións, segundo informou o holding público.
O contrato consiste na construción por parte de Navantia de catro petroleiros tipo Suezmax -denominados así porque as súas dimensións fanos adecuados para navegar pola canle de Suez- con opción a outros dous máis.
Para os estaleiros públicos, o contrato das catro unidades iniciais, que se abordará en varias fases, implicará máis de tres millóns de horas de traballo que se repartirán entre os estaleiros da bahía de Cádiz (Puerto Real e San Fernando) e Galicia (Ferrol e Fene).
Unha vez obtida a ‘luz verde’ ao contrato por parte de SEPI, prevese que a construción dos petroleiros comece no último trimestre deste ano, cun prazo de execución aproximado de 21 meses, informaron fontes do sector.
Nunha carta remitida este martes ao presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, SEPI deixa claro tanto o interese co que o accionista está a seguir as negociacións para a construción dos petroleiros como o seu coñecemento de que ditas negociacións se manteñan abertas.
SEPI asegurouse de que a documentación oportuna sexa coñecida por todos os operadores presentes nas negociacións entre armador e construtor co obxectivo de que non se produzan modificacións substanciais.