publicidade hoxe

A Xunta seguirá abrindo portas que impulsen o emprendemento e unha economía diversificada e competitiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Feijóo no acto de entrega do Premio Liderado Empresarial. Foto: A. Varela

Feijóo no acto de entrega do Premio Liderado Empresarial. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá abrindo portas que impulsen o emprendemento e unha economía diversificada e competitiva de cara a construír a fábrica do futuro nos sectores estratéxicos da Comunidade.

Durante o acto de entrega do IX Premio Liderado Empresarial organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña, Feijóo aseverou que, lonxe de levantar muros, o Goberno galego traballa para suprimir barreiras e abrir portas que impulsen a actividade económica. “E, con ese obxectivo –lembrou- aprobamos a Lei do Emprendemento, que simplifica trámites e inclúe avances como a eliminación con carácter xeral da licenza municipal; creamos as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal, co ánimo de facilitar o papeleo administrativo; e dotámonos de instrumentos para facilitar o emprendemento, como a Rede de Investidores Privados para fortalecer as posibilidades de financiamento, a posta en marcha da Unidade Galicia Emprende ou a posta en marcha dunha Rede Galega de Viveiros”.

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que Galicia tivo nos emprendedores que foron capaces de superar todo tipo de dificultades e todo tipo de obstáculos, un dos mellores exemplos para afrontar a crise. “Unha empresa, como un país, non se fai forte produto do azar, nin se move por casualidade ou por meros desexos. Nace con determinación e con unidade. Crece con constancia. Consolídase despois dunha prolongada experiencia de éxitos pero tamén de reveses. E faise forte grazas á existencia dun liderado que sabe escoitar e que é capaz de sinalar o camiño acertado”, aseverou.

Nesta liña, referiuse ao premiado Roberto Tojeiro, destacando o valor, a determinación e o compromiso. “Fixo falta valor para crear e manter unha empresa como Gadisa, nuns anos nos que emprender en Galicia tiña un certo compoñente heroico. Fixo falta decisión para diversificar as liñas de negocio, e abrirse a proxectos tan estratéxicos para Galicia como Reganosa. E fixo falta compromiso para contribuír cada vez con máis forza ao tecido produtivo do país, con case 1.000 millóns de cifra de negocio e 6.400 empregados”, dixo.

O titular da Xunta concluíu recoñecendo o traballo desta empresa familiar, “que exercicio tras exercicio é parte activa tamén da gran familia galega; porque cada empresa galega é unha parte fundamental da nosa terra e cando unha delas triunfa, os ecos chegan ao conxunto de Galicia en forma de riqueza e emprego”.

2 de xuño de 2015 | 22:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.