publicidade hoxe

Sologás converterá cada ano 350.000 toneladas de residuos en biogás, compost ou vapor de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs SomozasGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación do centro de valorización de residuos

Ethel Vázquez na presentación do centro de valorización de residuos

Ethel Vázquez destacou esta mañá o compromiso co medio ambiente e co benestar dos cidadáns da empresa Sologás, posto que o seu labor diminuirá o impacto ambiental negativo asociado aos residuos, minorará o risco de contaminación, reducirá a pegada estética que provocan os desperdicios, favorecerá a produción dunha enerxía máis limpa e promoverá a reutilización, ofrecendo unha nova vida útil aos residuos.

Durante a presentación do centro de valorización de residuos de Sologás e a inauguración da súa planta de compostaxe no concello das Somozas, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infrastruturas indicou que “desde as administracións públicas non podemos senón aplaudir este tipo de iniciativas e agradecer o compromiso desta empresa pioneira ao ofrecernos a posibilidade de converter cada ano 350.000 toneladas de residuos en produtos necesarios sen xerar practicamente ningún tipo de residuo”. A empresa calcula que apenas o 0,9% do material tratado non será reutilizado.

A presentación deste proxecto contou tamén coa asistencia do alcalde de Somozas, Juan Alonso Tembrás; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o secretario xeral de Calidade e Avaliación ambiental, Justo de Benito Basanta.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que o labor desta industria encaixa cos obxectivos do Plan de Xestión Residuos Industriais de Galicia que a Administración autonómica está a redactar, que busca a implicación e a corresponsabilidade das empresas na xestión dos desperdicios que xeran.

Vázquez destacou que o centro de valorización de Sologás constitúe un proxecto de elevada compoñente tecnolóxica, porque se trata da primeira planta deste tipo que utiliza residuos de diferentes procesos que se complementan o que permite reducir o residuo final ao mínimo. Así, os residuos dun proceso de tratamento pasan a ser combustible ou materiais necesarios no seguinte proceso, converténdose en biogás para producir enerxía, compost, material para a mellora de solos, auga depurado ou valor de auga.

A tres liñas de tratamento deste novo centro de valorización de residuos son:

- A planta de compostaxe, que se porá en servizo de maneira inmediata e que permitirá a transformación de residuos orgánicos en recursos agrícolas: compost elaborado como fertilizante ou solos artificiais (tecnosolo), con características nutricionais que garanten unha calidade óptima como medio de cultivo.

- A Planta de Biogás que botará a andar próximamete, que converterá en enerxía (biogás) e fertilizante os residuos agroalimentarios e orgánicos.

- E a Planta de Depuración de Líquidos que estará en funcionamento a finais de ano, que converterá residuos perigosos, non perigosos e os residuos líquidos do propio centro, en H²O, auga depurada apta para o seu vertido ao dominio público hidráulico.

A conselleira explicou que se trata dunha industria que está chamada a ser exemplo de acerto e de éxito, posto que aborda unha das principais problemáticas da nosa sociedade, apostando pola valorización e a reciclaxe dos residuos para acadar beneficios económicos.

Esta empresas xa está contribuíndo á dinamización económica e á creación de emprego neste concello das Somozas, grazas a un investimento de 21 millóns de euros, que está a mobilizar 80 postos de traballo de forma directa.

Durante a súa intervención, a conselleira incidiu na importancia e na necesidade do traballo conxunto entre administracións, industrias, sectores produtivos e sociedade en xeral, na procura dun modelo de xestión sustentable. Neste sentido, destacou o proxecto empresarial de Sologás como unha iniciativa cunha forte aposta pola I+D+i que contribuirá a posicionar ao concello das Somozas como lugar de referencia para as industrias medioambientais.

A conselleira de Medio Ambiente participa na presentación no centro de valoración e inauguración da planta de compostaxe no concello das Somozas.

10 de abril de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.