publicidade hoxe

O rexedor de Cualedro deixa a Deputación por contrato prohibido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedroOurensePortada esquerda
A-
A+

O alcalde de Cualedro (Ourense), o popular Luciano Rivero Cuquejo, renunciou ao seu cargo de deputado provincial tras constar nun informe que participa co 16,66 por cento da sociedade Abrea-Cuquejo, propietaria dunha gasolineira que facturou 186.770 euros á Deputación ourensá entre os anos 2009 e 2015, actuación que corresponde a un “contrato prohibido” á súa empresa.

A renuncia de Cuquejo foi feita pública este mércores nun comunicado remitido pola Deputación provincial minutos despois de darse a coñecer un informe do secretario xeral da institución, elaborado en resposta ao grupo provincial do PSOE, que o 19 de marzo pediu información sobre a facturación da gasolineira de Rivero á institución provincial.

No escrito de renuncia, o alcalde e deputado fai saber que tivo coñecemento da “prohibición de contratación” para as empresas participadas por deputados provinciais, e en concreto, para a sociedade Abrea-Cuquejo, polo informe do secretario. E destaca del que “conclúe que non hai responsabilidade legal de ningún tipo” e que a facturación se debeu a un erro administrativo”.

“De todos os xeitos, tendo en conta o código ético e de conduta da Deputación de Ourense, e baseándome no principio xeral de exemplaridade que explicita para cargos electos da institución e que di que deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar, nin sequera minimamente, a imaxe institucional da Deputación e minar a confianza dos cidadáns na institución”, argumenta no seu escrito o rexedor.

CONTRATO PROHIBIDO

O informe do secretario da Deputación, Francisco Cacharro Gosende, dado a coñecer pola institución provincial, detalla ao longo de 11 folios a argumentación xurídica sobre as normas que rexen as relacións de deputados e familiares con empresas que traballen para a institución na que ocupan un asento e as conclusións.

Segundo Cacharro, con carácter xeral, teñen prohibido contratar coa Deputación provincial tanto as “persoas xurídicas” -entidades, empresas ou organizacións- administradas por deputados provinciais, como aquelas nas que estes deputados teñan unha participación superior ao 10 por cento do capital social.

“A sociedade mercantil Abrea-Cuquejo S.L. está incursa en prohibición de contratar coa Deputación Provincial de Ourense desde o 11 de xullo de 2011″, pois esa é a data na que Luciano Rivero Cuquejo tomou posesión como deputado provincial, tendo o 16,66 por cento das participacións do capital social da empresa.

TAMÉN AO CONCELLO

Segundo o secretario xeral, a gasolineira situada no municipio de Cualedro forneceu combustible a vehículos da Deputación provincial por valor de 186.770 euros entre 2009 e 2015. Relata, ademais, que Cuquejo pediu en decembro de 2014 un informe xurídico sobre a legalidade do feito de que a mesma gasolineira fornecese combustible aos vehículos do concello do que é rexedor.

“O informe foi emitido en xaneiro de 2015 e concluía, de forma semellante ao actual informe, a existencia dunha prohibición para que a empresa contratase co Concello de Cualedro”, segundo o informe dado a coñecer este mércores.

O técnico provincial indica, así mesmo, que en xaneiro de 2015 explicou “verbalmente” ao xefe do parque de maquinaria que, seguindo instrucións do presidente, informase os condutores para que non enchesen combustible na estación de servizo Abrea-Cuquejo.

Nas conclusións, considérase que a “facturación ilegal” da empresa á Deputación de Ourense “debeuse a un erro administrativo, sen que existan, en principio, responsabilidades legais”.

Os contratos “menores” entre 2011 e o momento actual, segundo esgrime o secretario, atópanse “totalmente consumados”, polo que a súa “nulidade” carece de efectos prácticos, “ao ser irreversible a situación creada” e “non cabe esixir a devolución das cantidades facturadas”, pois foron en contraprestación á subministración de combustible “efectivamente consumidos” polos vehículos.

8 de abril de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.