publicidade hoxe

O alcalde de Boborás declarará como imputado por suposto delito urbanístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásOurensePortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Boborás (Ourense), Cipriano Caamaño, declarará o 23 de abril como imputado no Xulgado do Carballiño por suposto delito contra a ordenación do territorio, falsidade en documento público e tráfico de influencias, en relación coa documentación da parcela do pobo da Almuzara, na que certificou a existencia, en 1999, dunha vivenda construída dez anos despois.

Segundo un documento xudicial, o rexedor, do PP, debía declarar este mércores 15 de abril ás 10,30 horas, pero acordou despois acumular esta causa, aberta por denuncia de edís de Moveboborás, PSOE e BNG e un particular, coa investigación de oficio da Fiscalía de Ourense. A citación definitiva convócalle como imputado para o día 23 ás 12,00 horas.

A declaración de Caamaño será en relación ao perímetro do núcleo rural tradicional da Almuzara, considerada como tal no plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 16 de setembro de 2011. Un veciño particular e os partidos da oposición denunciaron ese PGOM no xulgado contencioso, e pediron a súa anulación “no que concirne ao núcleo tradicional de A Almuzara”, por ser desconforme a dereito”.

Segundo o denunciante particular, unha planimetría oficial do ano 2010 incluía unha parcela da súa propiedade cunha edificación tradicional “que non existe na actualidade nin xamais existiu en tempos pretéritos”.

Segundo a súa denuncia, esa edificación “primitiva foi inventada” para xustificar unha ampliación do núcleo rural tradicional da Almuzara co fin de que “quedase incluída neste a parcela do alcalde e a súa esposa, e legalizar así unha vivenda súa”.

Unha sentenza do TSXG de maio de 2014, admitiu a demanda parcialmente, no referido ao núcleo rural, pois “o tope” establecido para núcleo rural tradicional, de 50 metros dende a última edificación, “resulta ilegal ante a inexistencia manifesta da construción primitiva” que orixina ese tope, e que se refire á vivenda do alcalde certificada en 1999, “inexistente” ata 2008, nun terreo de propiedade compartida coa súa esposa.

Os mesmos denunciantes reclaman agora “responsabilidades penais” do alcalde por “favorecer as condicións urbanísticas dunha parcela da súa propiedade e da súa esposa, en detrimento da legalidade urbanística, con manipulacións intencionadas que xa carrexaron a anulación por sentenza xudicial, dos límites do núcleo rural tradicional” da Almuzara, segundo a denuncia presentada en febreiro de 2015.

NON HABÍA EDIFICACIÓN TRADICIONAL

Segundo a denuncia que orixinou a investigación xudicial, a redacción e elaboración do PXOM de Boborás contaba con documentos que constataban “debidamente” as edificacións tradicionais existentes no núcleo da Almuzara, deixando fóra a parcela do alcalde e a súa esposa. Ela presentou alegacións nas que só se referiu á parcela, situada en chan clasificado como rústico de protección e polo tanto, non urbanizable.

A outra parcela propiedade do denunciante particular detállase como rústica sen edificación tradicional no seu interior, pois só tiña nela un pequeno invernadoiro e un bebedoiro, e así consta nos documentos do PXOM de Boborás, unha acta notarial e o sistema cartográfico Sigpac, ata que no ano 2010 aparece “por primeira vez” na documentación oficial, e inventa” unha edificación primitiva na parcela do particular.

“Inventou esa edificación, inexistente, para ampliar a delimitación do núcleo rural tradicional, ao obxecto de incluír nel a parcela propiedade do alcalde e da súa esposa, e así legalizar a edificación, que comezaron despois, a partir de 2008″, segundo a demanda de partidos políticos e veciño particular.

En 2010, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “resolveu non dar a aprobación definitiva ao PXOM de Boborás pola falseada clasificación do chan no núcleo rural da Almuzara, e por non xustificar a delimitación de área de expansión”.

ARQUITECTOS EN CONIVENCIA

Segundo os denunciantes, o equipo redactor do PXOM “a instancia do alcalde querelado e en conivencia con el”, mantivo a “preexistencia dunha edificación tradicional inexistente” para ampliar a zona da Almuzara e “poder legalizar en definitiva, a vivenda do querelado e a súa esposa, construída dende 2008, sobre chan rústico”.

O alcalde falseó ademais, segundo a denuncia, a data de construción da súa vivenda pois a deu de alta con data de 1999 “cando en realidade foi edificada a partir de 2008″. A construción edificada sobre chan rústico “e polo tanto ilegal, foi denunciada en 2011 por un edil de Moveboborás ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia, que arquivou a denuncia”.

A vivenda foi legalizada por decreto do Concello de Boborás do mesmo día que o da aprobación do PXOM, o 16 de decembro de 2011.

A denuncia acusa o alcalde de “manipular a planimetría do expediente do PXOM, inventando unha edificación inexistente na Almuzara, para intentar colar unha delimitación de núcleo rural tradicional saltándose a lexislación aplicable e unha delimitación anterior aprobada pola Xunta de Galicia, para favorecer a unha parcela próxima á do alcalde e a súa esposa, na que querían legalizar unha edificación da súa propiedade, construída dende 2008 sen licenza e en chan rústico”.

Os edís da oposición e o propietario da parcela veciña á do alcalde consideran a este autor dun delito contra a ordenación do territorio, falsidade documental e tráfico de influencias. Pediron a declaración como imputado, do alcalde, e como testemuñas, á súa esposa, ao arquitecto redactor do PXOM, ao arquitecto municipal e a un terceiro técnico autor do proxecto de delimitación do núcleo rural da Almuzara.

14 de abril de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.