Descobren a ancla do Paolina R cuxa tripulación salvou dunha morte segura aos veciños de Cedeira en 1887

Ancla descuberta
O Concello de Cedeira dará visibilidade e descubrirá a veciños e visitantes a historia da ancla que, dende 1887, permanece no antigo peirao da vila, hoxe en día Paseo da Marina –entre a ponte vella e nova-. Unha ancla que, durante máis dun século, permaneceu oculta baixo o paseo e que no seu día pertenceu á bricbarca italiana Paolina R., cuxa tripulación naufragou fronte á praia do Cubilote, ao pé do faro da ría de Cedeira aló por novembro de 1887. E tripulación que conseguiu salvar a vida grazas á heroicidade dos veciños de Cedeira e á súa rápida resposta ante a catástrofe. Da súa existencia dába conta a argoia de ferro que sobresae da parte do muro máis próxima á ponte vella. O alcalde, Luis Rubido, explicou que o Concello encargou o seu descubrimento e que, nestes días, se levaron a cabo as tarefas necesarias.
Agora, sinala que a intención da Administración local é poñer a peza a disposición da cidadanía, polo que se cubrirá a superficie cunha placa de cristal resistente á pegada dos visitantes. Así mesmo, o Concello vén de encargar un panel informativo no que se detalle a historia da ancla. Unha historia coa que se pretende homenaxear a aqueles cedeireses e cedeiresas que salvaron a vida dos trece tripulantes da Paolina R. Un veleiro xenovés que, procedente do porto de Plymouth, se dirixía a Nova Iork co seu cargamento e baixo as ordes de Santiago Demarchi e o oficial Giovanne Geacome. Ao seu paso pola ría de Cedeira, e segundo consta nos escritos da época, un terrible temporal provocou o seu naufraxio. Foi o cónsul italiano en Ferrol quen por aquel entón se fixo cargo de instruír o expediente de siniestralidade e destacar a actitude valente dos cedeireses que procederon ao seu rescate. Un feito histórico que foi premiado pola Sociedade de Salvamento de Náufragos.
Agora, o Concello fai visible e pon en valor este anaco da historia de Cedeira.