publicidade hoxe

Beatriz Mato destaca a importancia de maximizar o talento da xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaXuventude
A-
A+
Intervención de Beatriz Mato

Intervención de Beatriz Mato

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Santiago na xornada ‘A competitividade a través do talento. Medrando coas persoas’, organizada pola Asociación para o Progreso de Dirección (APD), onde destacou a importancia de “maximizar o talento da mocidade” a través da formación de calidade e a educación non formal.

Dunha banda, Mato destacou que é preciso ofrecerlle á mocidade formación de calidade dirixida “ás verdadeiras necesidades do mercado laboral de presente e de futuro”. “Ten que ser unha formación de máxima calidade, orientada ás demandas do mercado laboral e homologada”, precisou a titular de Traballo, quen lembrou que a formación é “crucial” nunha Comunidade autónoma onde un 60 por cento da mocidade en situación de desemprego conta cunha baixa cualificación.

Deste xeito, sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar está a vincular todas as actividades formativas que financia coa obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que acredita a preparación e cualificación dos traballadores e traballadoras e amplía os seus currículums e mellora a súa empregabildade.

Mato resaltou, neste senso, que na actualidade practicamente o 100 por cento das actividades de formación financiadas pola Consellería son certificables. Desde o ano 2009 expedíronse 50.000 certificados. “A maior formación, maiores oportunidades para o emprego”, engadiu.

Educación non formal

Doutro lado, a titular de Traballo destacou a importancia de inculcar á mocidade os valores da educación non formal, como son a toma de decisións, a iniciativa, a creatividade, o traballo en equipo, a responsabilidade, a capacidade de emprendemento, a tolerancia ou o respecto polos demais.

Para acadar este fin, o Goberno galego está a desenvolver diversas iniciativas como é o programa de mobilidade xuvenil transnacional europeo Galeuropa que ofrece aos mozos e mozas galegos menores de 25 anos a oportunidade de realizar prácticas laborais no estranxeiro durante períodos de dous ou tres meses. Esta actuación está vinculada este ano por primeira vez coa presentación dun proxecto personalizado de mobilidade, que se leva a cabo en colaboración coas empresas galegas.

Deste xeito e, segundo indicou Mato, Galeuropa axudará á mellora e actualización permanente das empresas de Galicia, aprendendo a través dos mozos como traballan no seu sector en Europa: os avances técnicos e tecnolóxicos que aplican, a organización do traballo ou as estratexias de internacionalización, entre outros. Así, os participantes en Galeuropa desenvolverán un papel de nexo entre emprendedores e produtores de distintos países de Europa, facendo deste programa “un núcleo do intercambio de experiencias e o crecemento”.

En total, desde este ano e ata 2020 investirá nesta iniciativa 7 millóns de euros para o que se contará co financiamento da Iniciativa Europea de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Este orzamento permitirá que 3.00 mozos e mozas galegos realicen prácticas no estranxeiro.

Certificacións oficiais

No campo da educación formal, ademais, a conselleira lembrou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o mes pasado a orde que regula a expedición de certificacións oficiais das experiencias, competencias e habilidades adquiridas polos mozos e mozas en todos os programas deste ámbito. “Esta certificación vai estar ligada directamente á mellora do currículum dos nosos mozos e mozas”, apuntou Mato.

En conclusión, a conselleira de Traballo sinalou que “o talento e a competitividade son dous conceptos que poden marcar a posición da nosa economía” e, por iso, destacou que a Consellería está a fomentar valores da educación non formal que demandan os empregadores para contar cun capital humano cada vez máis maduro, preparado e cualificado.

28 de abril de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.