publicidade hoxe

Os xóvenes galegos que participen en programas de educación non formal poderán certificar a súa experiencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaXuventude
A-
A+

Os mozos e mozas galegos que participen, ou teñan participado, en programas de educación non formal poderán certificar esta experiencia, grazas á publicación a semana pasada no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde que regula este recoñecemento.

Este foi un dos aspectos dos que informou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na reunión do Comité galego de políticas de xuventude que tivo lugar esta mañá en Santiago. En concreto, sinalou que poderán optar a estas certificacións aqueles mozos e mozas que participen en programas como Iniciativa Xove, Erasmus +, Xuventude en acción, A xuventude no mundo, campos de traballo ou Galeuropa.

De feito, durante a súa intervención, a titular do departamento autonómico salientou a importancia da educación non formal, que permite complementar o currículo académico dos mozos e mozas, e adquirir competencias e aptitudes “moi valoradas” polas empresas. De aí que desde o Goberno galego se teñan mellorado estas iniciativas, tanto cuantitativa como cualitativamente.

Ademais, lembrou que a educación non formal é, xunto co emprego, un dos piares fundamentais da Estratexia de Xuventude de Galicia 2014-2016, unha planificación transversal, que conta coa implicación de todo o Goberno galego.

Precisamente, durante a reunión de hoxe avaliouse a execución desta folla de ruta e marcáronse os obxectivos de cara ao futuro. Cabe lembrar que se trata dun documento flexible, co fin de poder adaptarse ás novas situacións e demandas e obter así máxima optimización.

“Todos os avances realizados demostran a total confianza que a Xunta ten na mocidade. Conseguir que todo o potencial que atesouran se converta nunha realidade nos próximos anos é o gran desafío que hoxe en día conleva o deseño de políticas de xuventude”, rematou Mato.

31 de marzo de 2015 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.