O TSXG confirma a pena de 56 anos de cárcere para o autor do crime de Xermade
A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou este venres a condena de 55 anos e 11 meses de cárcere para o autor do crime de Xermade (Lugo), Brais Lozano, imposta por un xurado popular.
En concreto, segundo informou o alto tribunal galego, Lozano foi considerado culpable de dous delitos de asasinato a un pai e un fillo, de 74 e 51 anos de idade, respectivamente; e un de lesións á esposa e nai das vítimas, de 77 anos. Así mesmo, atribuíuselle un delito de roubo con violencia -por subtraer diversos obxectos do interior da vivenda- e outro de maltrato animal, por matar a un dos cans da casa e ferir o outro.
Ante iso, a súa defensa pediu o pasado día 10 a súa absolución ou, de non se aceptar, a repetición do xuízo. E é que, ao seu entender, existe “insuficiente” motivación no veredicto emitido tras a sesión celebrada na Audiencia Provincial de Lugo.
Agora, os maxistrados cren “probado” que os dous autores -Juan José Calaza, alcume ‘o Pibe’, faleceu en prisión- “encapuchados, van roubar diñeiro e drogas á casa e portan un machete” pero, como “non atopan o que buscan”, interrogan os seus habitantes, dous dos cales durmían nese momento. “Neste contexto, dá comezo unha agresión xeneralizada e brutal que remata coa morte de dous dos moradores e con gravísimas feridas á nai”, relataron.
ARGUMENTOS
Na súa alegación, o avogado de Lozano argumentou que o xurado non motivou de forma abonda a condena e apelou á presunción de inocencia do seu cliente, convencido de que as probas para determinar a autoría dos feitos eran “insuficientes”.
Ao respecto, os xuíces do TSXG interpretaron que o xurado chegou “á certeza dos feitos como consecuencia de elixir a opción valorativa máis clara, lóxica e conforme ás regras da lóxica, da experiencia e dos saberes científicos”. Tamén apuntaron que “está probado e admitido, mesmo por vestixios de adn achados nunha cabicha na casa, que Lozano estivo mentres sucedían os feitos xunto con outro xa falecido” e que ambos os dous foron “roubar droga e diñeiro”.
Así mesmo, viron acreditado que a muller recibiu “innumerables golpes”; que o pai de familia, “un home maior, enfermo e inerme”, tiña “máis de 35 feridas e o seu cadáver apareceu co tubo de respiración asistida introducido na boca”; e que o fillo presentaba “55 feridas por todo o corpo”. Finalmente, engadiron que o propio Lozano recoñeceu que, tras a agresión, foise co agora defunto “a un lupanar de Lugo”.
Por todo, conviñeron que as conclusións obtidas polo xurado aparecen como “lóxicas, razoables e asumibles por calquera persoa media”. De igual modo, asumiron a conclusión de que, “aínda que non está clara a intervención material” de Brais Lozano, “si a súa presenza” e a súa participación. “Non se condena a Brais Lozano Osa pola súa presenza na casa (…). Para querer só roubar diñeiro non é preciso, por exemplo, portar e usar unha e outra vez un machete”, remarcaron.
“DEBIDAMENTE EXPOSTO E RAZOADO”
“En contra da opinión do recorrente, existe suficiente proba de cargo que conduce á certeza sobre os feitos probados, non se conculcou o principio de presunción de inocencia”, apostilaron, para sinalar que tanto a sentenza como o veredicto están “debidamente expostos e razoados”.
Tamén concordaron co xurado na desestimación da circunstancia atenuante por drogadicción, xa que un forense certificou que non era “unha auténtica adicción”, senón que era “perfectamente consciente dos seus actos”. Por último, co número de feridas inflixidas aos habitantes da vivenda os maxistrados rebateron a reclamación da defensa contra as agravantes de asañamento, aleivosía e disfrace, pois os agresores portaban gorros e ‘bragas’.