publicidade hoxe

Miguel Poveda, Amancio Prada, Burning e Delorean serán os grandes reclamos no Festival da Luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimortoCalendarioLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

Miguel Poveda, Amancio Prada, Burning ou Delorean son algúns dos artistas que participarán na cuarta edición do Festival da Luz, que se celebrará en Boimorto (A Coruña) o 12 e 13 de setembro, e no que se darán cita preto dunha trintena de artistas.

Na presentación no Centro Mans, a cantante e organizadora do evento, Luz Casal, avanzou algúns dos artistas confirmados do cartel deste festival, que cualifica de “único”, e que este ano destinará os fondos recadados a Médicos sen Fronteiras.

O evento musical, que volverá por cuarto ano á localidade natal da cantante, tamén contará coas actuacións de Anni B. Sweet, Eladio y Los Seres Queridos, María del Mar Bonet, Óscar Ibáñez, Manos de Topo ou Juan Perro, entre outros artistas, moitos deles aínda por confirmar.

“É un cartel único, diferente, no que se mesturan estilos musicais sen ningún tipo de pudor, porque sabemos que a música non ten por que estar necesariamente radicalizada”, dixo Luz Casal, que opina que os diferentes públicos poden “cohabitar de xeito extraordinario”.

Para a cantante galega, “este festival é único, non hai un festival que sexa benéfico e que lle dea un espazo á música, á historia da música deste país como este festival”.

Así se referiu ao evento que este ano engade outro escenario máis, o que permitirá desenvolver dúas actuacións á vez. Tamén ampliará o espazo dedicado ao público infantil.

ENTRADAS

As entradas para o Festival mantéñense ao mesmo prezo que o ano pasado, custando 15 euros para os dous días e 10, para un; e pódense adquirir a través de Internet e nos puntos de venda habituais.

Ademais dunha cita musical, o Festival da Luz continúa coa celebración do Mercado da Luz. Este ano tamén haberá un concurso de deseño e repetirase o concurso de maquetas, ‘Cultivando música’, posto en marcha na anterior edición e que dá a coñecer grupos noveis.

26 de marzo de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.