En liberdade os 5 detidos polo roubo de cableado de cobre en Toén
As cinco persoas detidas polo roubo de cableado de cobre que deixou sen liña telefónica a veciños do municipio ourensano de Toén quedaron este mércores en liberdade coa obriga de comparecer mensualmente no xulgado. Así informárono fontes xudiciais tras pasar na mañá deste mércores a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense.
ÁS 13,00 horas do martes 17 de marzo foron arrestados J.B.B., de 39 anos e veciño de Santiago de Compostela; I.G.B., de 26 anos e veciño de Ames (A Coruña), e as cidadás romanesas B.M., de 27 anos; M.C., de 45 anos; e A.T., de 33 anos, veciñas de Ourense.
Están acusados de ser os presuntos autores dun delito de roubo con forza de cableado de cobre. Os detidos foron sorprendidos pola Garda Civil tras ser alertada polos veciños de Moreiras, en Toén, que manifestaron quedar sen liña telefónica.
Os detidos ao presenciar a chegada dun vehículo oficial, iniciaron a fuxida cara a unha zona boscosa, onde foron localizados e arrestado.
O cableado fora cortado no antigo hospital psiquiátrico Cabaleiro Goas, en Moreiras, e no chan había 70 metros, disposto para ser levado, segundo indicou o Instituto Armado.