publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Conde destaca a oportunidade da mobilidade sustentable para impulsar a competitividade da automoción galega

Francisco Conde na xornada sobre mobilidade sustentable. Foto: X. Crespo

Francisco Conde na xornada sobre mobilidade sustentable. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a importancia da mobilidade sustentable cara a impulsar a innovación e mellorar a competitividade da automoción galega. “A innovación incide dun modo directo na competitividade das nosas empresas, impulsando a súa posición de liderado”, incidiu Conde na inauguración dunha xornada sobre mobilidade sustentable celebrada hoxe en Santiago.

Esta posición de liderado do sector automobilístico galego, explicou o conselleiro, susténtase no “impulso de novos e mellores materiais” grazas ao “esforzo modernizador” da industria auxiliar; no desenvolvemento de prototipos máis competitivos e eficientes, que facilitan a adxudicación de novos modelos, “como ten demostrado recentemente o Grupo PSA Peugeot Citroën coa consecución da K9”; e no fomento de novas áreas, como “a condución autónoma ou o vehículo eléctrico”.

O Goberno galego, salientou, está a impulsar a innovación como chave para facer a automoción galega máis competitiva, mobilizando, desde o 2009, 50 millóns de euros en proxectos innovadores da industria a través de programas como o Innterconecta. A eses esforzos súmase o programa de unidades mixtas de investigación, que este ano activou a súa segunda convocatoria e que xa permitiu que os centros tecnolóxicos galegos estean a traballar con 8 grandes empresas punteiras do seu sector.

Destas unidades mixtas, 3 están relacionadas co futuro do automóbil, mobilizando 12 millóns de euros, resaltou o titular de Economía e Industria. Así, o CTAG e Borg Warner buscan establecer un polo de investigación en Galicia á vangarda da sostibilidade nos vehículos, co obxectivo de diminuír as emisións contaminantes. Itmati e Repsol están a traballar na optimización do deseño de baterías para o vehículo eléctrico e os protocolos de carga rápida. E o propio CTAG e PSA Peugeot Citroën están a impulsar a interface home máquina e o vehículo intelixente.

Trátase, explicou Conde, dunha aposta encadrada na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que presenta entre os seus retos o impulso á innovación en sectores tractores como a automomoción de cara a facela máis competitiva e eficiente; e na Axenda da Competitividade Industrial Galicia – Industria 4.0, que ten unha clara orientación sectorial para reforzar sectores estratéxicos como o automobilístico, e impulsar outros emerxentes e relacionados, como o aeronáutico ou as TIC.

“O obxectivo é acadar coches limpos, seguros e eficientes”, destacou o conselleiro. Neste sentido, a mobilidade eléctrica configúrase como unha oportunidade para reducir a dependencia enerxética exterior e as emisión de carbono, redundando ao mesmo tempo en beneficio da propia rede eléctrica.

“A adecuación á demanda que ofrecen as baterías eléctricas permite o aproveitamento das horas val do sistema eléctrico”, explicou Conde. Deste xeito, apuntou, favorécese o rendemento global do propio sistema, optimízanse as infraestruturas, e promóvese unha maior incorporación das enerxías renovables nos momentos de menor demanda, o que ofrece á enerxía eólica a posibilidade de contribuír dun modo directo á recarga destas baterías.

Neste contexto, o conselleiro avogou por seguir traballando xunto ao sector no fomento dunha mobilidade sostible. Un esforzo conxunto que ten permitido ata o de agora impulsar distintas iniciativas no eido da mobilidade eléctrica, como o proxecto de Little Electric Car para a fabricación de coches eléctricos pequenos, ou exercer un papel exemplarizante coa introdución de 25 vehículos eléctricos no parque móbil da Xunta, que están a permitir aforros de 85.000 euros anuais.

11 de marzo de 2015 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.