A Operación Cóndor sáldase con dez persoas detidas en Pontevedra, Lugo e Madrid

Rexistro na sede de Monbus
A denominada ‘Operación Cóndor’ desenvolvida pola Axencia Tributaria este xoves a instancias dun xulgado de Lugo saldouse con dez persoas detidas, cinco na provincia de Pontevedra, unha en Lugo -o presidente da empresa Monbus, Raúl López- e outras catro en Madrid.
Así o confirmaron fontes da Axencia Tributaria, que explicaron que desde primeiras horas da mañá deste xoves a AEAT desenvolveu a ‘Operación Cóndor’. O operativo, dirixido polo Xulgado de Instrución Número de Lugo, coa xuíza Pilar de Lara Cifuentes á fronte, está centrada nos supostos delitos fiscais, de branqueo de capitais, falsidade documental, delito contable, suborno e tráfico de influencias.
As mesmas fontes da Axencia Tributaria resaltaron que os delitos investigados supostamente foron cometidos por empresas do sector do transporte e turismo das provincias de Lugo e Pontevedra.
REXISTROS
No curso deste novo operativo dirixido polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que leva outras instrucións como a ‘Pokémon’, practicáronse 10 detencións e efectuáronse 28 rexistros.
En concreto, leváronse a cabo cinco rexistros en Lugo -entre eles na sede central de Monbus-; oito en Pontevedra -seis en Sanxenxo, un no Grove e un en Pontevedra-; tres na Coruña -un en Arteixo e dous en Santiago de Compostela, no Palacio de Congresos e nas oficinas do Club Obradoiro de Baloncesto en Sar -; oito en Madrid -dous en Alcalá de Henares, un en Paracuellos del Jarama, un en Aravaca, un en San Cristóbal e tres en Madrid-; aos que se suma outro en Santander; un en Córdoba e outro en Nogueira de Ramuín (Ourense).
As investigacións, desenvolvidas no marco das dilixencias previas, declaradas secretas polo xulgado de Pilar de Lara, foron realizadas por persoal de Vixilancia Aduaneira de Galicia.
Ademais, no operativo participan funcionarios da Inspección de Facenda de Galicia, Unidades de Auditoría Informática de Galicia, Cantabria, Andalucía e Cataluña e funcionarios de Vixilancia Aduaneira de Madrid, Cantabria e Andalucía.
A investigación continúa aberta e os detidos pasarán a disposición nas próximas horas.