publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A consellería de Cultura loitará para que Cabo Fisterra recupere o selo patrimonial europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFisterraLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press
Cabo Fisterra

Cabo Fisterra

O secretario xeral de Cultura, Jesús Oitavén, asegurou que a pretensión da Xunta “é seguir loitando co Ministerio de Cultura” e “colaborar con eles” para “manter a revisión” e que Cabo Fisterra non perda o selo de patrimonio europeo ante a intención de non lle ser concedido.

En 2007, como expón o autor da pregunta Francisco Caamaño (PSdeG) na súa iniciativa, Cabo Fisterra recibiu xunto coa Acrópolis ou a Abadía de Cluny, a distinción de ‘Patrimonio Europeo’ reservado para aqueles monumentos, sitios ou lugares que “son testemuña da historia europea”. Neste caso, pretendía poñer en valor o denominado ‘Promotorio Nerio’.

Durante a súa contestación na Comisión de Cultura da Cámara, o secretario xeral do departamento que dirixe dende hai unhas semanas Román Rodríguez explicou que en 2011 se aprobaron novos requisitos e o panel de expertos europeos entende que, como “tampouco outros 40″ lugares, Cabo Fisterra “non cumpre os actuais criterios”.

“É simbólico, pero non cumpre os actuais criterios”, incidiu o secretario xeral da Consellería de Cultura, quen sinalou que, dos 68 enclaves que alcanzaron o selo no ano 2006, “só quedaron 36 candidaturas”. En concreto, no caso español quedaron a Residencia de Estudantes, o Arquivo da Coroa de Aragón, o Mosteiro de Yuste, e Cabo de Fisterra, quedando fóra o Mosteiro de Yuste.

“FILTRO” DA UE

Tras esa redución, como “consecuencia do filtro da UE e do panel de expertos”, seguiu, quedan “16 sitios de dez países”, ao que hai que sumar que a Unión Europea fixo a “recomendación” de que o número de sitios de cada un dos estados membros sexa como “máximo” de “dous”.

“A recomendación negativa por parte do panel de expertos ten pouco que ver coa falta de esforzos por parte da administración autonómica, non só autonómica, senón da local e a central. E moito menos cos investimentos”, aseverou Oitavén, quen destacou que nos últimos seis anos se investiron un millón de euros en diferentes actuacións.

Non obstante, Francisco Caamaño acusou á Xunta de perder “interese” nesta distinción e lamentou que “o resultado desa política” foi “perder” o que “gañara”. Aínda que manifestou que aínda non está pechada, o deputado socialista sinalou que, á vista dos “precedentes”, é “inamovible”.

O deputado socialista sinalou que se tiñan que “redobrar os esforzos” cando se cambiaron os esforzos, por parte de Xunta, Deputación e Concello, chegando, se fose necesario, a “mobilizar cidadá a favor de non perder o selo de patrimonio”. Caamaño criticou, así mesmo, que da intervención do alto cargo da Xunta se desprenda que se perde o selo por “azar”.

AGADIC

Por outro lado, en resposta ao deputado popular Agustín Baamonde, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou a programación levada a cabo polo CGAI, que proxectou máis de 360 títulos en 300 sesións programadas e dixitalizou e catalogou máis de 300 carteis cinematográficos.

Ademais, dentro das previsións de futuro, sinalou que se estima chegar a máis de 1.400 espectadores da categoría junior en proxeccións no curso 2014-2015.

4 de marzo de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.