publicidade hoxe

Un total de 45 menores de 30 anos beneficiáronse das bolsas Leonardo da Vinci dentro dun proxecto de Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaXuventude
A-
A+
Ovidio Rodeiro visita aos benficiarios das bolsas. Foto: X. Crespo

Ovidio Rodeiro visita aos benficiarios das bolsas. Foto: X. Crespo

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe cos beneficiarios das 45 bolsas Leonardo da Vinci do proxecto “Europeizando Galicia” (EUROGAL) que veñen de rematar as súas prácticas laborais non retribuídas en varios países da Unión Europea.

Trátase de mozos e mozas galegas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos con estudos universitarios ou de Formación Profesional relacionados cos sectores administrativo, informático, electricidade, márketing, turístico, hostaleiro, agroforestal, agroalimentario ou vitivinícola.

As prácticas formativas, de 12 semanas de duración, desenvolvéronse entre os meses de setembro a decembro en Burdeos (Francia), Budapest (Hungría), Arezzo (Italia), Cork (Irlanda), Cracovia (Polonia) e Praga (República Checa).

Durante o 2014, un total de 350 mozos e mozas galegos realizaron unha estancia formativa no marco de tres programas de mobilidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: Galeuropa, Eurogal e La Ida, cun orzamento de 745.000 euros.

A estes programas hai que sumarlles a participación de 1.506 mozos galegos no programa Erasmus+ que, no eido da xuventude, fomenta a mobilidade en Europa dos mozos e traballadores de xuventude a través de diversas actividades de educación non formal. No 2014 na Comunidade Autónoma foron aprobados 43 proxectos de Erasmus+ cun orzamento total de 920.781 euros.

Na súa intervención, Rodeiro sinalou que “a mobilidade é un elemento fundamental na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida, como polo apoio que supón na aprendizaxe dun idioma estranxeiro”. Deste xeito, “a experiencia laboral no estranxeiro aporta un valor engadido á formación dos mozos, a súa traxectoria profesional e pode proporcionarlle máis oportunidades de emprego”, apuntou.

Rodeiro destacou que os programas de mobilidade son “un piar das políticas do goberno autonómico en materia de xuventude” e, por iso, indicou que a mobilidade é un dos once eixos do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016 Horizonte 2020.

9 de febreiro de 2015 | 11:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.