Un total de 20 equipos de bacharelato de 15 centros galegos participan na fase preliminar de Parlamento Xove en Bergondo
Un total de 20 equipos de 1ºe 2º de Bacharelato de 15 centros de ensino de toda Galicia participan hoxe e mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo – A Coruña) na fase preliminar de Parlamento Xove, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega. En concreto, os debates realizaranse mañá de 9,00 a 13,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.
Trátase dunha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán, escribirán e, finalmente, debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Nesta edición o tema para a fase preliminar é: “Debería adiantarse a maioría de idade legal aos 16 anos?”.
A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo,“a favor”ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.
Trátase de debates de carácter argumentativo; e gañarán, non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais, a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións e fomentan a toma de conciencia no compartamento democrático.
Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa e defender as opinións con xustificación.
Ante o elevado número de centros participantes, esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato.
Participantes
Esta fin de semana na categoría de 1º e 2º de Bacharelato nesta fase preliminar participan un total de 20 equipos de 15 centros de ensino. Deste xeito, cun equipo participa: o IES de Melide, o IES de Mugardos, o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o IES Monte Castelo de Burela, o IES de Foz, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o Centro Educativo Galen de Lugo e o IES Chamoso Lamas do Carballiño. E con dous equipos cada centro participan: o Colexio Plurilingüe La Salle de Santiago, o IES Eduardo Pondal, tamén de Santiago, o IES Laxeiro de Lalín, o IES de Rodeira de Cangas do Morrazo e o IES de Becerreá.
Dos 20 equipos que participan nesta xornada preliminar, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 18 de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización na web ‘http://.xuventude.xunta.es’. Ese mesmo día terá lugar o debate final entre equipos da categoría de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A próxima fin de semana terá lugar a segunda quenda de debates coa fase preliminar dos equipos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria. Os debates descorrerán na sede da Deputación provincial da Coruña. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros.
Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e compresión oral e escrita); competencia matemática porque en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá, porque contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística, porque nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal