publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno galego mobilizará 50 millóns de euros en Unidades Mixtas de innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Presentación do programa. Foto: A. Varela

Presentación do programa. Foto: A. Varela

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela Rey, presentou hoxe a segunda convocatoria en menos dun ano do programa de Unidades Mixtas da Xunta, que busca impulsar centros mixtos de innovación nos que participen grandes empresas e institucións e que, con esta nova edición, sumará unha mobilización de 50 millóns de euros en desenvolvementos innovadores de alto impacto. Varela subliñou que o éxito da primeira edición do programa, convocada en xullo de 2014, así como o interese amosado desde entón por numerosas empresas, impulsaron ao Goberno galego a inxectar novos fondos nesta iniciativa sete meses despois da súa posta en marcha.

O programa de Unidades Mixtas, enmarcado dentro do programa Innova en Galicia da Estratexia de Especialización Intelixente, busca funcionar como panca para atraer a grandes grupos empresariais a innovar en Galicia, en colaboración con entidades autóctonas como universidades ou centros tecnolóxicos, garantindo –salientou Varela Rey- un quíntuple obxectivo: a captación de capital privado para I+D+i; a contratación de persoal cualificado na comunidade; a transferencia de coñecemento ao mercado galego para impulsar a competitividade e o emprego; a capacidade de entidades como os centros tecnolóxicos para autofinanciarse grazas á propiedade industrial desenvolvida nesta iniciativa; e o efecto tractor destes grupos de traballo a nivel local.

Varela Rey apuntou que esta segunda convocatoria das Unidades Mixtas suma 9 millóns de euros en apoios, engadíndose aos preto de 7 millóns xa aportados pola Xunta para a primeira convocatoria. Ambas, grazas ao investimento público privado, suman 250 postos de traballo de alta cualificación.

A convocatoria, que se publicará hoxe na web da Axencia Galega de Innovación (www.gain.xunta.es) e cuxo prazo de presentación de solicitudes comeza o martes 24 e remata o 23 de marzo, está aberta aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que acrediten ter captado o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. En canto ao resto dos requisitos, as unidades mixtas terán que ter entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias, e un orzamento mínimo de 2 millóns de euros.

O reparto do custe do proxecto se estruturará de acordo ao seguinte esquema: os apoios da Xunta se prolongarán durante tres anos e cubrirán o 30% do orzamento; pola súa parte, a empresa deberá achegar como mínimo o 40%, mentres que o organismo de investigación terá que completar o investimento cos seus fondos. O centro e a empresa non só traballarán nas liñas de investigación, senón que participarán de maneira conxunta dos resultados e da propiedade intelectual relativa a estes e á súa explotación.

8 unidades de éxito

Varela Rey fixo referencia ás primeiras 8 unidades mixtas apoiadas pola Xunta dentro da primeira convocatoria, enmarcadas en sectores estratéxicos da economía galega e nas que participan empresas que son unha referencia nos seus respectivos sectores.

En concreto, o director de Gain apuntou que tres das unidades mixtas están a xerar avances no eido da automoción, estratéxico para Galicia. Neste senso, salientou o bo traballo realizado ata o de agora por estas tres iniciativas: a que participa PSA xunto ao CTAG e o CIS Galicia, que está a investigar no ámbito das Interfaces Home-Máquina (IHM) ligadas coa condución autónoma; a que une ao Grupo Copo con Aimen, impulsando avances na fabricación de produtos espumados de poliuretano, orientados non só á automoción senón á ou ao naval; e a unidade na que o CTAG e BorgWarner traballan na redución de emisións contaminantes.

Máis alá da automoción, no eido da enerxía o programa de Unidades Mixtas ten iniciativas destacadas como a que une a EnergyLab e Gas Natural de cara a desenvolver novos procesos, sistemas e servizos tecnolóxicos en relación co uso de gas natural e biometano, para mellorar a mobilidade marítima e agraria; e a que busca a optimización integral do proceso de produción dunha planta grazas ao traballo conxunto de Repsol e o ITMATI.

Por último, varela Rey referiuse as iniciativas enmarcadas dentro deste programa, e que buscan impulsar a competitividade nos sectores sanitario e conserveiro. No primeiro deles, Everis e Gradiant están a xuntar esforzos na busca para mellorar os coidados socio-sanitarios, mentres que Laboratorios Esteve e a USC poñen o foco nos fármacos para o tratamento da dor crónica. E, no caso do sector conserveiro, Jealsa-Rianxeira e Anfaco-Cecopesca investigan na man para innovar na modernización da produción do mexillón de batea.

18 de febreiro de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.