publicidade hoxe

Xuventude pon en marcha o clube de lectura Q+ nas bibliotecas municipais da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereitaXuventude
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar, en coordinación cos técnicos do Quérote + e as bibliotecas municipais da Coruña, vén de poñer en marcha o clube de lectura Q+ (CLXQ+), unha iniciativa que ten como obxectivo que a mocidade poida participar do seu propio proceso de aprendizaxe acompañada por profesionais expertos no tema a tratar. As persoas destinatarias desta actividade son os mozos e mozas de entre 14 e 18 anos.

A actividade consiste, en primeiro lugar, na elección da lectura dun libro, e unha semana despois, un técnico de Quérote + aborda a temática da publicación seleccionada apoiándose en material filmográfico e outros recursos para afondar coa mocidade na temática proposta. Na actualidade, xa está en marcha na Coruña un clube de lectura na biblioteca Ágora, que terá lugar os xoves de 18,30 a 20,00 horas. O primeiro libro que a mocidade inscrita xa está lendo é ‘Kitchen’ de Banana Yoshimoto. En total, os centros de ensino participantes son 10.

Para participar nesta iniciativa é preciso inscribirse a través dun cuestionario habilitado no blogue dos clubes de lectura. Polo tanto, existe un blogue de referencia onde se irá dinamizando o CLXQ+. O prazo de inscrición permanece aberto mentres non se completen as prazas. As solicitudes que cheguen con posterioridade serán tidas en conta de cara a cubrir posibles baixas de participantes do clube de lectura no transcurso do mesmo. En cada sesión poderán tomar parte un mínimo de 8 persoas e un máximo de 15, correspondendo con número de exemplares de libros de cada título proposto.

Nas sesións de clube de lectura tamén se empregará o Twitter cun hashtag propio do CLXQ+ e outro para cada obra. Déixase, ademais, aberta a posibilidade de habilitar un perfil propio en Instagram, posto que esta é a rede social máis empregada nestes momentos polo público destinatario do CLXQ+.

Outros obxectivos desta iniciativa son fomentar as relacións positivas na mocidade, baseadas no respecto, a comprensión e a solidariedade; resaltar a importancia dun axeitado manexo das habilidades de comunicación e de relación, así como a identificación e xestión positiva das emocións; transmitir unha perspectiva de diversidade en contraposición a un modelo predefinido de relación de parella; e destacar o impacto das TICs nas relacións interpersoais e de parella, promovendo a reflexión acerca dun uso respectuoso e responsable das mesmas, no tocante á relación, á parella e o entorno.

27 de xaneiro de 2015 | 11:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.