Medio Ambiente licita por 3 millóns de euros as obras de construción de cinco puntos limpos e de adecuación de tres vertedoiros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte publica a licitación dun total de oito contratos para a execución de actuacións en materia de xestión de residuos por un importe de case 3 millóns de euros (2.773.070 euros). O DOG licita as obras de cinco puntos limpos nos concellos de Lobios, Frades, Outeiro de Rei, Ponte Caldelas e Baralla, así como as obras de selado e adecuación e clausura de tres vertedoiros nos municipios de A Rúa, Boiro e Xove.
Na seguinte táboa resúmense os datos dos contratos feitos públicos no día de onte no Diario Oficial de Galicia, que no seu conxunto beneficiarán a máis de 45.000 veciños deste oito municipios:
Actuación licitada (concello/ Provincia) |
Prazo Execución |
Importe licitacion |
Presentación ofertas |
Selado e adecuación do vertedoiro de residuos inertes no concello da Rúa (Ourense) |
4 |
469.883,97 |
26 |
Selado e adecuación do vertedoiro de residuos da construción e demolición no concello de Boiro (A Coruña) |
4 |
347.110,87 |
26 |
Selado e adecuación do vertedoiro de residuos da construción e demolición no concello de Xove (Lugo) |
4 |
321.641,47 |
26 |
Obras construción dun punto limpo no concello de Lobios (Ourense) |
4 |
370.379,39 |
26 |
Obras construción dun punto limpo no concello de Frades (A Coruña) |
4 |
320.090,86 |
26 |
Obras construción dun punto limpo no concello de Outeiro de Rei (Lugo) |
4 |
318.383,39 |
26 |
Obras construción dun punto limpo no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra) |
4 |
335.979,97 |
26 |
Obras construción dun punto limpo no concello de Baralla (Lugo) |
4 |
289.600,32 |
26 |
Total |
2.773.070,24 |
Todas as empresas interesadas en presentar as súas ofertas a estes contratos de obra pública dispoñen dun prazo de 26 días, a contabilizar a partir de hoxe, para remitilas polos medios habituais á Administración autonómica. A Consellería de Medio Ambiente analizará cada unha das ofertas para proceder á súa execución e, a continuación, poder iniciar as obras, que se terán un prazo máximo de execución de 4 meses. As previsións da Xunta son que todas estas actuacións estean rematadas este mesmo ano.
Evitar o vertido incontrolado
A Consellería de Medio Ambiente, xunto cos concellos de A Rúa, Boiro e Xove, pon en marcha unha actuación de selado e adecuación de vertedoiros incontrolado de residuos que, ademais de evitar o depósito de residuos, reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o medio ambiente. Ademais, estas actuacións permitirán rexenerar a zona afectada, de xeito que quede integrada de novo no medio para beneficio dos cidadáns.
No caso do Concello da Rúa, este proxecto centrarase no selado do antigo vertedoiro, trasladando unha parte dos residuos ao novo vertedoiro construído pola Xunta no ano 2010, explotado dende aquela data polo concello ourensán. Cabe citar que as novas instalacións atópanse a uns 600 metros do antigo vertedoiro. O vertedoiro para residuos inertes da Rúa foi proxectado no ano 1999 pola entón Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, no marco do Plan para construción de vertedoiros para residuos da construción e demolición, co fin de dotar ao Concello dunha instalación de xestión e eliminación para este tipo de residuos.
O vertedoiro a clausurar atópase situado nunha parcela preto da estrada OU-933, que une A Rúa coa Roblido, aproximadamente a 2 Km da primeira localidade. Esta instalación ocupa unha superficie de 8.812 m2, englobado nunha parcela municipal de aproximadamente 15.000 m2.
No caso do municipio de Boiro, este proxecto centrarase no selado do antigo vertedoiro da situado nunha antiga canteira en Runes, a uns 200 metros da zona urbana de dito lugar, sendo os terreos de propiedade da Administración local. Os traballos centraranse no acondicionamento dos residuos, co obxecto de lograr unha distribución estable dos mesmos, o seu selado e o control de augas de escorrentía e lixiviados.
Por último, no concello de Xove, a Xunta investirá 321.641,47 euros para a clausura deste vertedoiro neste municipio da Mariña lucense, que actualmente está inactivo. Foi construído no ano 2001 en terreos antes ocupados por unha canteira.
Ampliar a rede de puntos limpos
A licitación de cinco puntos limpos enmárcanse no desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, co que a Xunta estende e reforza a rede de puntos limpos municipais. Na actualidade, un total de 139 están rematadas (que dan cobertura e servizo a 223 concellos galegos, é dicir, ao 86,8% da poboación galega), e ás que se engaden estas cinco en fase de licitación.
Nun prazo máis amplo, o novo Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos prevé que o número de instalacións deste tipo se aproxime ás 300 antes de finais de 2020. O investimento previsto pola Xunta para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes, ascende a máis de 21 millóns de euros, cun investimento concreto de 1,6 millóns de euros previsto no ano 2015.
Os obxectivos fundamentais deste tipo de infraestruturas son separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente ou a saúde; evitar o vertido incontrolado de escombros e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe