publicidade hoxe

O Centro Galego de Vela pecha o ano cunha multitudinaria Nadal Race

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+

A festa da vela galega reuniu este martes en Vilagarcía a preto de 150 regatistas no seu tradicional Nadal Race, a proba que pecha o calendario deportivo do ano cunha xornada de navegación e convivencia.

Nesta ocasión, a convocatoria do Centro Galego de Vela, organismo dependente da Federación Galega, obtivo unha resposta masiva e decenas de novos regatistas, adestradores e directores técnicos déronse cita nas instalacións arousanas para participar na regata.

A falta de vento non impediu que se celebrasen máis de vinte mangas para chegar ata a final. O gran número de inscritos obrigou a formar cinco grupos de seis equipos e, posteriormente, varias semifinais para poder entrar na proba definitiva.

Cun final moi apertado, o equipo do Club Marítimo de Canido impúxose na liña de chegada ao Real Club Náutico de Sanxenxo e ao Real Club Náutico da Coruña. Á conclusión, celebrouse unha comida de confraternidade.

Para pechar a xornada, a Federación Galega de Vela entregou as Medallas do Comité Olímpico Español aos deportistas galegos máis destacados en regatas internacionais durante a tempada 2013: Juan Debén, Mikel Pasabant, Alejandra Suárez, Elena Pérez, Bernardo Paz, Carlos Paz, Lucía Llópiz, Alfonso e Jaime Leirós e Joaquín Cores.

Nos peiraos do Centro Galego de Vela estiveron presentes o presidente da Federación e o director técnico, Manuel Villaverde e Castor Maciel, así como o director do Centro Galego, Alberto García, e o coordinador de adestradores, Jaime García. Tamén asistiron adestradores galegos dos equipos nacionais como Pepe Lis e Roi Alonso, ademais de regatistas internacionais do talle de Tamara Echegoyen ou Carlos Paz.

30 de decembro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.