O Carné Xove e o de alberguista expedirase gratuitamente ás persoas cunha discapacidade a partir do 33%
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se fixan os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, durante o ano 2015. De acordo coa orde, os prezos non experimentarán incremento respecto aos aplicables no 2014.
Como novidade, os prezos relativos á expedición do Carné Xove, carnés de alberguista nas súas diferentes modalidades e carnés TIVE non serán aplicables ás persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que terán dereito á expedición gratuíta dos mesmos.
A orde prevé, como vén sendo habitual, que os membros das familias numerosas poidan ter un desconto de ata un 50% sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no programa ‘Campaña de verán’.
Tamén co fin de promover o Carné Xove se establece que os usuarios deste carné poderán obter descontos de ata un 25% nas actividades promovidas pola Dirección Xeral, se ben a porcentaxe de desconto aplicable en cada caso será a que se especifique no folleto informativo de cada un dos programas e actividades que se leven a cabo.
Recóllense na orde, entre outros, os prezos derivados da utilización dos campamentos e albergues xuvenís de titularidade da Consellería, así como os fixados para as residencias xuvenís para estudantes durante o curso 2015/2016, e os derivados da expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade.