publicidade hoxe

Un total de 43 mozos recollen os premios Xuventude Crea que recoñece o talento da mocidade galega

Entrega dos premios de Xuventude Crea. Foto: X. Crespo

Entrega dos premios de Xuventude Crea. Foto: X. Crespo

Santiago acolleu hoxe a entrega dos premios do certame Xuventude Crea, unha iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar que recoñece cada ano a creatividade e o talento da mocidade galega.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe o acto no que un total de 43 mozos e mozas foron premiados en 11 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, relato breve, deseño de xoias, carteis, banda deseñada, videocreación, moda, graffiti, poesía e música. Na edición deste ano participaron no concurso máis de 350 mozos e mozas.

Rodeiro destacou que iniciativas como Xuventude Crea contribúen ao crecemento persoal da mocidade galega e, por extensión, a mellorar as perspectivas de futuro de Galicia. Por iso, sinalou que o Goberno galego seguirá a potenciar este concurso que volverá a contar o próximo ano con 100.000 euros de orzamento.

O director de Xuventude resaltou, ademais, que unha das prioridades do Goberno galego é escoitar as propostas da mocidade. Neste senso, lembrou que a Xunta conta co programa de axudas Iniciativa Xove co que se financian proxectos presentados polos mozos e mozas galegos. En 2015, esta iniciativa contará con 550.000 euros co que se prevé beneficiar a 750 persoas.

En definitiva, Rodeiro indicou que o obxectivo da Xunta é darlle pulo á creatividade dos mozos e mozas e dotalos de ferramentas e programas para canalizala, como no caso do certame Xuventude Crea ou o programa de axudas de Iniciativa Xove.

19 de novembro de 2014 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.